Manuel Fariña
Novas

En marcha o axardinamento da contorna das Pozas da Tafona

O Concello de Caldas de Reis está a realizar o acondicionamento e axardinamento da contorna das Pozas da Tafona. Unha brigada de persoas operarias do Obradoiro de Emprego está a realizar as labores de posta a punto coa poda de árbores e tamén o sementado do céspede. O tenente de alcalde, Manuel Fariña manifesta a súa confianza de estar xa “na recta final” para abrir as instalacións ao público logo de que tiveran xurdido atrancos imprevistos nos últimos meses.

A intención é que todo o axardinamento quede listo nesta semana, unha vez que xa está instalado o sistema de rego automático, e se van realizar as podas das pólas do arborado da zona e a preparar o chan para ter unha capa de céspede xa crecida nas vindeiras semanas. Apunta o tenente de alcalde que as e os técnicos responsables do axardinamento traballarán nas instalacións ata que queden en perfecto estado de revista.

Segundo Fariña, todo o persoal do Concello, tanto a nivel administrativo como das equipas de operarios municipais e do obradoiro, “están a poñer o mellor de si para sacar o proxecto adiante”. Subliña que a intención é abrir as Pozas da Tafona no menor prazo de tempo posible, pero sempre co obxectivo “de prestar un servizo de calidade que garanta a satisfacción das persoas usuarias tanto veciñas e veciños de Caldas de Reis como visitantes”.

Nos últimos meses xa se fixeran algunhas probas da maquinaria que resultaron ser positivas, mais están a retomarse e continuarán nos vindeiros días para garantir o funcionamento do bombeos da auga, os filtros, os medidores de caudal, e os aparatos de climatización e calefacción dos vestiarios, entre outros mecanismos que, aínda que están instalados, levaban tempo sen uso.

Subliña Fariña que os trámites dos subministros de gas e electricidade que permiten activar a maquinaria das instalacións complicáronse máis do previsto, xa que as autorizacións estaban condicionadas a algúns requirimentos que non se solicitaran inicialmente e que demoraron a posta en marcha. Tamén foi máis dificultosa a tramitación da xestión, que está en fase de resolución.

O responsable nacionalista amosa o seu convencemento de que a apertura das pozas “está na súa recta final”. Explica que dende o Concello “sabemos que hai unha grande expectación por poder gozar das instalacións, tanto pola veciñanza como pola xente que nos visita, e que os baños van ter moito tirón”, por iso subliñou que o seu departamento “está a dar o ‘arreón’ final” pulindo todas as formalidades e detalles técnicos. Insistiu en que só se abrirán as portas cando todo funcione á perfección.

Como anécdota “das ganas que amosa a xente polas pozas” Fariña recoñeceu que tivo que “convidar amablemente” a saír das instalacións da Tafona a uns turistas que pasaban por alí e, aproveitando que o espazo estaba aberto para facer os traballos de xardinería, querían meterse nas augas das ‘burgas’ caldenses.

Ler novas