O BNG denuncia que o SERGAS deixa sen persoal médico e pediatra a milleiros de persoas en Caldas e esixe que se cubra a atención sanitaria
Caldas, 26 de agosto de 2024. O tenente de alcalde de Caldas Manuel Fariña esixiu públicamente ao Sergas que cubra a atención sanitaria e deixe de xogar coa saúde da veciñanza da vila. O nacionalista fixo esta petición tras denunciar que a dirección da Área Sanitaria ten sen médicos e pediatras a milleiros de veciñas e veciños chegando a colapsar o centro de saúde.
Fariña destaca que son moitas as e os caldenses que nos últimos días lle trasladaron as súas queixas pola falta de profesionais no Centro de Saúde caldense, motivo polo cal se están a producir grandes listas de agarda e non podían solicitar vez para os días que necesitaban tanto por enfermidade, para renovación de receitas no caso dos crónicos, ou para partes de alta laboral. En moitos casos a espera para ser atendidos dilátase máis de 15 días.
Ante a situación, o nacionalista comunicouse co centro médico para coñecer de primeira man o problema. Alí foi informado de que o xefe de servizo vén de xubilarse e non mandaron profesional ningún para cubrilo, polo que os luns, martes e mércores a súa axenda de pacientes queda sen atender. Outros días, os demais profesionais, nos seus ocos libres, encárganse dos doentes do seu cupo. A situación agrávase porque tamén hai outra doutora de baixa que se cubre parcialmente e só polas tardes, polo que a sobrecarga asistencial do resto dos profesionais é moi elevada e a poboación está desasistida, con grandes demoras e complicacións.
A situación tamén é “gravísima” co persoal de Pediatría. Unha das profesionais ten unha baixa de longa duración e outra vén de causar tamén baixa, polo que no centro só queda un pediatra que contacon reforzos puntuais chegados doutros centros apenas para atender polas tardes.
Segundo subliña Fariña, o problema en Caldas “é gordísimo, tan grave que ao non haber responsable de servizo non hai nin sequera con quen buscar unha solución. Faltan doutores, o resto dos médicos están en cadro, hai demoras de máis de 15 días... O Sergas deixa a atención sanitaria en Caldas baixo mínimos e é temerario”, destaca o mandatario nacionalista, que subliña que o máis indignante é que “é unha situación programada, cunha xubilación e unha baixa de longa duración... Non algo sobrevido, senón que se sabía que varios profesionais médicos non ían estar neste periodo”.
Fariña chamou á poboación á protesta e insistiu en que a solución non é resignarse. Lembrou, asemade, que á precariedade de persoal no centro de saúde súmase a que a ambulancia medicalizada do Salnés está desprazada en Sanxenxo e non hai nin houbo reforzo algún a pesares de que en Caldas aumentou tamén a poboación durante o verán e foron as festas a semana pasada.
“Parece que só nos podemos poñer enfermos ou ter un problema de saúde cando ao Sergas lle vai ben. Despois hai quen se sorprende de que a xente colapse os servizos de urxencias hospitalarias. Están a xogar coa saúde da xente e non se pode consentir. A calidade asistencial é crítica e a situación, límite”, sentenza o concelleiro do BNG.