Mosquera: «O proxecto de rehabilitación de Santa Clara presentado no Concello é unha reprodución mimética do anteproxecto presentado hai quince meses»
O edil de Infraestruturas, César Mosquera, deu conta do proxecto recibido no Concello de Pontevedra, por parte da Deputación de Pontevedra, para a rehabilitación do antigo convento de Santa Clara, que non deixa de ser unha copia case mimética da presentada hai 15 meses.
O concelleiro realizou un percorrido cronolóxico pola historia recente deste espazo e da súa futura rehabilitación, comezando pola compra do mesmo realizada polo Concello de Pontevedra e futura cesión á entidade provincial “polo interese que tiña como parte do Museo de Pontevedra”. “Quedou resolto o concurso a través dos diversos anteproxectos que se presentaron, gañando o estudio Nieto Sobejano Arquitectos, estimándose que as obras comezarían a finais do 2023 ou principios do 2024”, explicou. “Polo camiño, logo do cambio de Goberno, houbo unha desafortunadísima rolda de prensa por parte do señor Domínguez, en setembro do ano pasado, en que puxo a caer dun burro todo o que se tiña feito, incluíndo o resultado dun concurso público no que non había ningún representante político, só técnicos e funcionarios”.
Mosquera lembra que para a escolla do proxecto de Nieto Sobejano foi clave o seu traballo para dar solución ao problema das circulacións internas, que é “o gran problema”, do antigo convento. “Naquela comparecencia de Domínguez, chegouse a dicir que Lores e Mosquera, como se tivésemos algo que ver na escolla do proxecto, que vandalizábamos os xardíns e outra serie de lindezas”.
Logo deste primeiro capítulo, desde a Deputación argumentouse que non se quería meter o edificio arqueolóxico en Santa Clara, “motivo que se deu para despedir a un gran profesional coma o antigo director do Museo, seleccionado nun concurso aberto e público”.
Sexa como for, pasou o tempo e o 23 de xullo preséntase no Concello o proxecto básico para a rehabilitación de Santa Clara. “Este proxecto básico é respondido sete días despois da súa entrega, o 30 de xullo, e se solicita máis documentación, pois é insuficiente polo momento”, sinala o edil. “Curiosamente, o vicepresidente deu hai pouco unha rolda de prensa explicando como está o asunto pero non presenta o proxecto, cousa desde logo sorprendente. Se tes un proxecto básico para pedir licenza, claro e definido, o normal é presentalo de xeito público. Pois non o fai e realiza unha serie de referencias a outras cuestións como á vandalización dos xardíns ou á redución da pérgola proxectada…".
“O que si podo anunciar é que o proxecto que se entregou nas dependencias municipais é exactamente unha reprodución mimética, cuns axustes mínimos, do anteproxecto que gañou o concurso hai quince meses”, indicou Mosquera. “Fixemos un exercicio fondo ao longo destes días para comparar un con outro e case semella un xogo que achegan os xornais, de ‘atopa as oito diferenzas’, e hai que ter unha vista realmente fina para ver unhas diferentes que, en todo caso, non existen para nada”.
Como exemplo disto, a edificabilidade total do anteproxecto era de 6.950 metros cadrados; no proxecto presentado é de 7.047 metros cadrados. O centro de arqueoloxía soterrado ía ter unha superficie de 2.500 metros cadrados, agora tería “exactamente a mesma”. Porén, o aviso que se dera para evitar o derrube dalgúns elementos do século XVI ou XVII é obviado.
“Doutra banda, a marquesiña que foi criticada no seu día polo propio Domínguez por ser demasiado grande, se agora a mides é de 18x18 metros, segue co mesmo tamaño”, explica o concelleiro. “Se imos aos planos e vemos a sección do soto, este vai ser máis fondo do que ía no anteproxecto, con até 3 niveis, pasando por baixo do nivel do río, chegando até os -8 metros”.
Mosquera lembrou que desde o primeiro minuto ofreceu a súa colaboración para sacar adiante a rehabilitación de Santa Clara, idea que aínda mantén, e estima que o proceso de tramitación no que se verá mergullado o proxecto para este espazo pontevedrés, será “terríbel”, tal e como se foi vendo até o de agora. “O proxecto base non resolve certas cuestións que deben quedar ben atadas desde o minuto un para evitar modificacións innecesarias no futuro”, explicou. “As entradas, por exemplo, coido que merecen un estudado mellor se queremos buscar a mellor integración posíbel na cidade”.
“Coido que estaría ben que retirara aquelas declaracións tan sonoras de vandalización e demais e, se quere, pola nosa banda, conte coas nosas mans para seguir colaborando pois ao ritmo que vai veremos como tarda anos, non meses, en sacalo adiante”, sinalou. “Os problemas de execución poden ser atroces e todos temos o máximo interese en que isto saia para adiante”.