Soutomaior resolve a práctica totalidade das incidencias chegadas a través da app "Meu Concello"
Soutomaior, 28 de agosto de 2024. Xa hai balance dos primeiros meses de implantación da app ‘Meu Concello’ en Soutomaior, unha ferramenta deseñada pola Deputación de Pontevedra e que o Goberno local emprega para que a veciñanza poida comunicar de forma áxil e directa os desperfectos que detectan no concello.
En total, nestes dous primeiros meses, o Goberno de Soutomaior recibiu 114 incidencias a través da app. Delas, preto do 90% xa foron resoltas ou están en vía de resolverse. O 10% restante corresponden a cuestións que requiren máis tempo e medios para a súa resolución, ou cuestións para as que a app non está pensada e non poden resolverse.
Para poder utilizar este novo servizo é necesario proceder á descarga da app ‘Meu Concello’. Para isto, o usuario ten que acceder a Google Play ou App Store. Unha vez localizada a app, descárgase de forma gratuíta. Posteriormente, a persoa usuaria selecciona o municipio de Soutomaior. A partir dese momento, xa pode comezar a utilizar o servizo, que é totalmente anónimo. O procedemento é moi rápido e sinxelo.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, agradeceu a participación cidadá neste proxecto, que lle permite ao Concello coñecer estas pequenas problemáticas que se dan no municipio e así poder darlles solución o antes posible. “É imposible chegar de maneira inmediata a todas as incidencias, pero grazas a esta iniciativa podemos ter un mellor rexistro delas e así ilas atendendo todas”. Neste sentido, animou a que máis veciños e veciñas descarguen a aplicación e fagan uso dela.
O alcalde sinalou que “a implantación de ‘Meu Concello’ en Soutomaior por parte do Goberno local está a supor un salto na resolución das pequenas incidencias que se producen no día a día da nosa localidade. Agradecemos o soporte informático creado pola Deputación Provincial. Unha vez máis a colaboración entre institucións trae beneficios e con esta xestión o Goberno Local busca unir esforzos en beneficio da veciñanza”. “É un paso máis para mellorar a transparencia e axilizar a comunicación coa veciñanza”, concluíu Manu Lourenzo.