SÁBADO 20 DE XUÑO

A Praza da Pedreira acollerá un desfile con 12 firmas de moda local para reivindicar o comercio de proximidade

A Praza da Pedreira acollerá un desfile con 12 firmas de moda local para reivindicar o comercio de proximidade

Pontevedra, 16 de xuño de 2026. Este sábado, día 20, ás 20:00 horas, a Praza da Pedreira converterase no escenario dun desfile de moda organizado polo comercio local de Pontevedra co apoio do Concello. A cita contará coa participación de 12 firmas e tendas da cidade, nun evento que busca poñer en valor o produto de proximidade e achegalo á rúa.

A presentación do evento correu a cargo da concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, e de Cristina Quintana, directora do evento e responsable do comercio Trulock, situado na rúa Manuel Quiroga. Durante a súa intervención, Anabel Gulías enxalzou a capacidade de organización do sector: "Estamos convencidas de que canto máis autoxestión entre os comercios, máis asociacionismo se faga e máis iniciativas colectivas como estas se presenten, máis fortes faremos o noso comercio”.

A edil tamén quixo destacar que o desfile pretende amosar diferentes estilos e reivindicar que a roupa "é para todos os tipos de mulleres". Ademais, incidiu na importancia de apostar polas tendas de barrio porque achegan un gran valor engadido, que vai máis aló do propio produto e do trato próximo, xa que axuda a "consolidar a economía da nosa cidade" e a manter Pontevedra como unha contorna "diversa e viva”.

Pola súa banda, Quintana explicou que a principal motivación desta iniciativa é "dinamizar as visitas ás tendas locais" nun momento no que o consumo está un pouco parado, animando á cidadanía a apoiar o tecido comercial da cidade fronte á competencia das grandes superficies e o comercio en liña.

Esta primeira edición funcionará como unha "experiencia piloto" centrada de momento na moda de muller e complementos. Quintana sinalou que o cartel pechouse en 12 comercios porque as primeiras tendas ás que se lles propuxo a idea aceptaron de inmediato, e non se quixo aumentar o número de participantes para evitar que o desfile fose demasiado longo. Porén, a directora do evento adiantou a súa intención de ampliar próximas edicións para que "se sumen máis tendas, non só de muller, de home e complementos, tamén calzado”.

A organización agarda que a xente se achegue a animar e desfrutar deste evento, que foi preparado "con moito cariño e moita ilusión" polo pequeno comercio da cidade.

A Praza da Pedreira acollerá un desfile con 12 firmas de moda local para reivindicar o comercio de proximidade