O BNG reclama que a Deputación, a través do ORAL, recoñeza de oficio a exención do IBI ás comunidades de montes

Manuela Rodríguez
Manuela Rodríguez
O BNG reclama que a Deputación, a través do ORAL, recoñeza de oficio a exención do IBI ás comunidades de montes

Pontevedra, 16 de xuño de 2026. O BNG vai reclamar que a Deputación, a través do Organismo Autónomo de Recadación e Xestión Tributaria (ORAL), recoñeza de oficio a exención do IBI ás comunidades de montes en man común. A deputada Manuela Rodríguez advirte de que, dado que existe xurisprudencia que confirma que estas entidades non deben pagar ese imposto, a administración provincial aforrará molestias e preitos se as exclúe dos seus listados de contribuíntes suxeitos ao pago.

A nacionalista vén de presentar unha moción para o seu debate no Pleno do vindeiro día 26 co obxectivo de que as entidades locais e neste caso o ORAL -que ten delegados os cobros de boa parte dos concellos da provincia-, unifiquen as súas actuacións e se axusten estritamente a dereito. 

A iniciativa nacionalista xorde despois de que a dirección da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común (ORGACCMM) volvera denunciar publicamente que algunhas administracións locais pontevedresas seguen aínda a pasar ao cobro o IBI de xeito indebido. Segundo explica a deputada, esta situación xera unha enorme "desesperación" nas xuntas reitoras, xa que habitualmente as administracións locais derivan as responsabilidades unhas nas outras: "Os concellos pasan a pelota ao ORAL e este aos concellos", critica Rodríguez.

O BNG lembra que a exención do IBI ás comunidades en man común está blindada tanto pola Lei Reguladora das Facendas Locais como pola Lei estatal de montes veciñais en man común. O conflito, subliña Rodríguez, adoita aparecer porque os concellos interpretan de forma incorrecta que a exención só se aplica ao solo forestal, e pretenden cobrar o IBI polas construcións comerciais ou industriais erixidas no monte que están arrendadas a terceiros. Porén, as administracións locais, insiste a nacionalista, actúan sen ter en conta que os ingresos que xeran esas instalacións "reverten en sufragar gastos asociados ao propio monte e, en definitiva, redundan no seu obxecto e beneficio social".

A moción do Bloque apoiase na xurisprudencia definitiva fixada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Os tribunais determinaron de forma clara que a exención do IBI para os montes veciñais abarca a totalidade do perímetro clasificado, incluídas as edificacións, "con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria".

A deputada nacionalista incide no "absurdo administrativo" que supón manter a inercia recadatoria que obriga ao ORAL a realizar un dobre traballo “totalmente inútil”. Segundo explica Rodríguez, o organismo provincial destina primeiro recursos humanos e técnicos a xestionar, emitir e cobrar uns recibos do IBI ás comunidades de montes que vulneran a lei, para despois —unha vez que estas gañan as reclamacións ou os procesos xudiciais— ter que activar un segundo proceso de devolución dos importes, incrementados ademais cos correspondentes xuros de demora.

O BNG reclama que a Deputación, a través do ORAL, recoñeza de oficio a exención do IBI ás comunidades de montes