DO 18 AO 21 DE XUÑO
Barro prepárase para a súa festa grande coa presentación da programación da XLVII Festa do Viño
Barro, 16 de xuño de 2026. O Concello de Barro xa conta os días para dar o pistoletazo de saída á súa semana grande. Esta mañá presentouse de xeito oficial o cartel e a programación da XLVII Festa do Viño de Barro, unha das citas gastronómicas e culturais máis agardadas do calendario estival na comarca, que se desenvolverá desde o vindeiro xoves 18 ata o domingo 21 de xuño.
Durante o acto de presentación, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, amosouse moi satisfeito coa proposta deseñada para este ano, poñendo en valor o carácter comunitario destas festas: “Deseñamos unha programación pensada para todos os públicos, desde as actividades infantís ata os grandes concertos e verbenas, garantindo que haxa un espazo de desfrute para cada veciño e veciña. O máis importante desta festa é que conta coa participación activa e o protagonismo absoluto dos nosos colectivos e artistas locais; é unha celebración na que a veciñanza é a verdadeira protagonista", subliñou o rexedor.
Escaparate dos viños locais e da D.O. Rías Baixas
Ademais do seu compoñente festivo, a Festa do Viño consolídase nesta corenta e sete edición como o gran escaparate promocional para os produtores locais e os viños amparados baixo a D.O. Rías Baixas, así como para os viños caseiros da zona. O Pazo da Crega será un dos epicentros da cita, acollerá as catas oficiais e abrirá os seus postos de venda cun amplo horario para que locais e visitantes poidan degustar o produto estrela de Barro.
Catro días de intensa actividade
Aínda que o programa completo abarca multitude de eventos deportivos, culturais e gastronómicos, destacan algúns dos momentos clave do fin de semana:
- Xoves 18: A xornada arrancará cunha gran festa infantil pola tarde e o concerto de Jorge Menéndez no Pazo da Crega coa apertura dos stands e a presentación dos viños das adegas de Barro.
- Venres 19: Será a quenda para a inauguración oficial do XIX Certame de Viños D.O. "Rías Baixas", co pregón a cargo de Celso García Alonso. A noite pecharase cunha espectacular verbena de mans de La Mecánica e a orquestra Panorama City.
- Sábado 20: A música e o baile tradicional tomarán o protagonismo co XXX Festival Folclórico do Grupo de Danzas "Amor Ruibal". Sesión de tardeo no pazo a conta de Xabi DJ (Duendeneta) e unha gran verbena coas formacións Marbella e América de Vigo.
- Domingo 21: O día grande incluirá as tradicionais catas (de viños albariños da D.O e caseiros), unha exhibición de coches e motos clásicas, a popular sardiñada e viño de balde ás 12:00 h, o xantar oficial da festa e un concerto de clausura a cargo de Fátima Pego e a Banda de Música Xuvenil de Barro.
Co obxectivo de facilitar que toda a veciñanza e os visitantes poidan gozar plenamente da cita, o Concello lembra que toda a información detallada sobre os horarios de venda de viño no Pazo da Crega e o resto de actividades pode consultarse a través da páxina web oficial do concello. Desde o Goberno local convídase a toda a comarca a achegarse a Barro durante estas catro xornadas para compartir e celebrar a hospitalidade, a cultura e a calidade dos viños da terra.