ATÉ O 15 DE XULLO

Abre o prazo para presentar solicitudes de hostalaría, mercado, xantares e ceas para a Feira Franca 2026

Feira Franca
Feira Franca
Abre o prazo para presentar solicitudes de hostalaría, mercado, xantares e ceas para a Feira Franca 2026

Pontevedra, 15 de xuño de 2026. A Feira Franca, quenta motores coa presentación de solicitudes para hostalaría, mercado e/ou xantares e ceas estará aberto até o 15 de xullo de 2026, incluído. 

As solicitudes poderán ser presentadas de dúas formas posíbeis: de xeito telemático, a través da web oficial https://feirafranca.pontevedra.gal/, nos formularios que se habilitarán na sección correspondente; ou de xeito presencial na oficina da Feira Franca, situada no edificio do Teatro Principal, con entrada polo lateral do edificio, no cuarto andar en horario de 10 a 14 horas, ademais do teléfono 986 86 05 87 e o enderezo electrónico feirafranca@pontevedra.gal. 

A Feira Franca é, dende hai dúas décadas, unha cita ineludíbel para as xentes de Pontevedra e os milleiros de visitantes que veñen gozar dela, procedentes de todos os recunchos do país e máis alá das nosas fronteiras; un peche apoteósico dos días de verán creado por e para a xente; unha viaxe ao século XV participada por toda unha cidade; unha vivencia única habitada por artesáns, canteiros, ferreiros, palilleiras, cesteiros, oleiros, redeiras, carpinteiros, músicas, xograres, campesiños, toneleiros, artistas, comerciantes, damas e cabaleiros que nos achegan o tempo do privilexio concedido a Pontevedra polo rei Henrique IV, no ano 1467, en virtude do cal se autorizaba a celebración dun mercado libre de impostos dun mes de duración. 

A Feira Franca, que ten lugar no centro histórico de Pontevedra todos os anos na primeira fin de semana de setembro, toma forma dende o ano 2000 coa organización de diversas actividades lúdicas de raigame histórica, que van dende a representación do transporte do viño ou o torneo medieval, ata os espectáculos de cetraría, tiro con arco, esgrima ou as exhibicións de música e danza que enfeitizan as xornadas do venres a partir do serán e mais de todo o sábado. Pero, sobre todo, o que fai especial e distinta esta festa medieval, declarada Festa de Interese Turístico no 2013, son os milleiros de persoas que se visten de época para xantaren nas prazas e rúas, en mesas montadas e decoradas por elas mesmas, seguindo as pertinentes normas estéticas e utilizando tan só materiais existentes na segunda metade do século XV, conformando unha obra deleitosa na que o público é tamén actor sobre o escenario do centro histórico.

Abre o prazo para presentar solicitudes de hostalaría, mercado, xantares e ceas para a Feira Franca 2026