Pontevedra apoia a posta en marcha de "Veciñxs", un proxecto para recuperar o orgullo de barrio e tecer redes comunitarias
Pontevedra, 15 de xuño de 2026. A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentou hoxe o proxecto social e cultural "Veciñxs", unha iniciativa impulsada por Jorge Aguado e Agatha Styer, membros da asociación Cowonders. Este programa nace co obxectivo de crear espazos onde a cidadanía poida falar, coexistir e compartir, recuperando "a esencia da vida de barrio e do orgullo de barrio”.
Durante a rolda de prensa, Gulías destacou que "Veciñxs" é unha proposta moi novidosa que convida a "frear un pouco, mirar atrás o que funcionaba e como nos relacionabamos" para volver darlle sentido aos espazos urbanos que ocupamos. A concelleira subliñou que o programa está pensado para asociacións culturais e veciñanza dos barrios, pero cunha especial atención cara a aquelas persoas que chegan a Pontevedra por primeira vez (xa sexa por estudos ou traballo) e queren vivir a cidade "dun xeito máis autóctono”.
Ademais, a concelleira agradeceu aos impulsores do proxecto que escollesen ao Concello como aliado, incidindo en que o espazo público é "un dereito para todas as persoas". Tamén valorou moi positivamente o esforzo da organización por visibilizar ás mulleres que fixeron historia na cidade, o uso do galego, e a aposta por un formato trilingüe (galego, castelán e inglés) para facilitar a conexión intercultural.
A orixe de "Veciñxs": unha comunidade acolledora
A idea do proxecto xurdiu a partir da experiencia persoal da súa cofundadora, Agata Stajer, quen chegou a Pontevedra hai dous anos e atopou nun encontro internacional de mulleres un espazo onde se sentiu escoitada e benvida. "Podemos vir a unha cidade e coñecer a arquitectura, os cafés e os servizos, pero como imos coñecer á xente de aquí?", reflexionou Stajer, quen decidiu estender esa sensación de acollida a toda a veciñanza, entendendo o concepto de "veciño" nun sentido amplo, abarcando persoas de diferentes contornas e historias de toda Pontevedra.
Pola súa banda, Jorge Aguado engadiu que o proxecto busca unir á xente a través de experiencias culturais como a expresividade creativa e obradoiros de cociña, xerando interese e espazos onde a xente "poida volver ter esa sensación de barrio”.
Programa de actividades e inscricións
O proxecto retomarase nos meses de setembro, outubro e novembro, con catro datas máis que incluirán percorridos guiados por Pontevedra con historias locais contadas pola propia veciñanza, así como obradoiros de cociña, entre outras propostas.
Para garantir a calidade dos encontros e fomentar un ambiente próximo, as actividades contan cun límite de 30 prazas. As persoas interesadas en participar neste e nos vindeiros encontros deben inscribirse previamente a través do formulario dispoñible na páxina web do proxecto: www.vecinxs.eu.