Nace ‘Pontia’, un novo programa para dotar ao comercio local de Pontevedra de ferramentas de I.A. e "salvavidas" de ciberseguridade

Presentación de Pontia
Presentación de Pontia
Nace ‘Pontia’, un novo programa para dotar ao comercio local de Pontevedra de ferramentas de I.A. e "salvavidas" de ciberseguridade

Pontevedra, 15 de xuño de 2026. A concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, presentou hoxe xunto ás expertas Mariem Filgueira e Judit Meiriño o proxecto Pontia, unha iniciativa estratéxica orientada a empoderar ao tecido empresarial e á cidadanía no contorno dixital. Baixo o lema "Intelixencia que protexe. Tecnoloxía que impulsa.", o programa busca achegar as novas tecnoloxías aos pequenos negocios da cidade, garantindo a súa competitividade e protección fronte a ameazas na rede.

Durante a súa intervención, a edil explicou que Pontia nace para tender pontes entre o tecido produtivo local e o "océano inmenso" da tecnoloxía e a intelixencia artificial, pondo un foco moi especial na seguridade. Gulías subliñou que os pequenos negocios a miúdo carecen de coñecemento, tempo ou recursos para aplicar estas ferramentas de xeito seguro, algo que as grandes multinacionais xa teñen por defecto. Por iso, o Concello impulsou este "programa á medida" para o pequeno comercio local.

Pola súa banda, as expertas que lideran o proxecto, Mariem Filgueira (Sherpa Empresarial) e Judit Meiriño (Datadefend Solutions), incidiron na importancia de perderlle o medo á tecnoloxía aplicando o pensamento crítico. Filgueira destacou que a intelixencia artificial e a ciberseguridade deixaron de ser unha moda para ser unha necesidade, advertindo da importancia de non introducir información sensible nin datos persoais ou de facturación nestas plataformas. Así mesmo, fixo un chamamento a aplicar o "sentidiño común" á hora de potenciar as nosas capacidades a través da IA.

No ámbito da protección, Judit Meiriño asegurou que o obxectivo de Pontia é dotar de "salvavidas" aos negocios fronte á dixitalización. A experta lembrou que, en materia de ciberseguridade, a pregunta non é se un negocio vai recibir un ataque, senón cando o vai recibir e cal é o plan de acción para darlle resposta.

Un programa práctico en tres piares

Pontia afástase da formación teórica para ofrecer un plan de impulso real baseado en tres eixes de acción:

  • Difusión e charlas informativas: Accións de comunicación a pé de rúa e con asociacións para achegar o proxecto a todos os profesionais.
  • Encontros Pontia: Sesións de traballo e intercambio de experiencias. O primeiro encontro celebrarase o xoves 25 de xuño na sede de AEMPE, e o segundo terá lugar o xoves 2 de xullo da man da Asociación de Comerciantes da Parda no local do Centro Leste. O proxecto culminará o xoves 23 de xullo cun "Open Day" na Casa da Luz, onde se fará balance e crearase unha rede de apoio mutuo.
  • Impulso Personalizado para 10 negocios: Seleccionaranse 10 empresas ou profesionais que recibirán unha diagnose tecnolóxica individualizada, axuda para a aplicación da intelixencia artificial en casos reais e un plan de acción de seguridade a medida.

O prazo para que os negocios se inscriban e poidan optar a unha destas 10 prazas de impulso personalizado estará aberto ata o luns 6 de xullo. Toda a información e o formulario de inscrición xa se atopan dispoñibles na páxina web oficial do proxecto: pontia.gal. Ademais, habilitouse o correo electrónico comunicación@pontia.gal para resolver calquera dúbida.

Nace ‘Pontia’, un novo programa para dotar ao comercio local de Pontevedra de ferramentas de I.A. e "salvavidas" de ciberseguridade