50 mozas e mozos de Soutomaior gozan xa do campamento de verán na Serra de Gata, unha experiencia de natureza, convivencia e intercambio lingüístico

Manu Lourenzo e as mozas e mozos en Valverde del Fresno
Manu Lourenzo e as mozas e mozos en Valverde del Fresno
50 mozas e mozos de Soutomaior gozan xa do campamento de verán na Serra de Gata, unha experiencia de natureza, convivencia e intercambio lingüístico

Soutomaior, 13 de xullo de 2026. 50 mozas e mozos de Soutomaior xa están desfrutando do campamento de verán organizado polo Concello na localidade de Valverde del Fresno, na Serra de Gata (Cáceres) dentro do programa de lecer Verán Activo. Trátase dunha iniciativa que combina natureza, deporte, convivencia e unha singular inmersión na cultura e na lingua de A Fala, unha das manifestacións lingüísticas máis singulares da Península Ibérica.

Durante catro días de duración deste Campamento, as persoas participantes vivirán unha experiencia pensada para favorecer o seu desenvolvemento persoal, a autonomía e a convivencia nun contorno natural privilexiado, ao tempo que participan nun amplo programa de actividades deportivas, culturais e de lecer. Un campamento, dirixido a mozas e mozos de 12 a 17 anos, que deu comezo na pasada tarde que se desenvolverá ata o mércores 15 de xullo. 

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, está acompañando ao grupo durante o inicio da estancia co fin de interesarse de primeira man polo desenvolvemento da actividade e polo benestar das mozas e mozos participantes. Para o rexedor, este tipo de iniciativas "son unha oportunidade única para que a nosa mocidade medre compartindo experiencias, aprendendo a convivir, gañando autonomía e creando amizades que moitas veces perduran no tempo".

Lourenzo destacou tamén o valor educativo da proposta, sinalando que "queremos ofrecer alternativas de lecer que vaian máis alá do entretemento, que transmitan valores como o respecto polo medio ambiente, a cooperación, a solidariedade e tamén o coñecemento da nosa diversidade cultural e lingüística".

Un dos aspectos máis singulares desta primeira edición en Valverde del Fresno é precisamente a súa dimensión cultural. A elección de Valverde del Fresno responde ao interese por achegar á mocidade á realidade de A Fala, unha lingua tradicional que se conserva nos municipios de Valverde del Fresno, Eljas e Santo Martín de Trevejo e que presenta claras raíces comúns co galego e o portugués. Durante toda a estancia, o equipo de monitorado emprega esta lingua como vehículo de comunicación, favorecendo un auténtico intercambio lingüístico.

"O noso idioma forma parte da nosa identidade e coñecer outras linguas irmás como A Fala axuda tamén a valorar mellor o noso patrimonio lingüístico e cultural", subliñou o alcalde.

Ao longo da estancia, as mozas e mozos participantes realizarán actividades como sendeirismo nocturno, carreiras de orientación, tiro con arco, escalada, tirolina, piragüismo, iniciación á monta a cabalo, xogos populares, deportes de equipo, obradoiros creativos, xogos nocturnos e dinámicas de grupo, sempre acompañadas por un equipo de monitorado especializado e persoal municipal.

O campamento desenvólvese nas instalacións de Valverde Natural, en réxime de pensión completa, cun programa adaptado ás diferentes idades e con todas as garantías de seguridade, incluíndo acompañamento permanente, seguro de responsabilidade civil e accidentes, ademais de transporte organizado desde Soutomaior. Un campamento que rematará este mércores, 15 de xullo, onde as mozas e mozos virán cargados de moita experiencia e anécdotas. 

Con esta actividade, o Concello de Soutomaior reafirma a súa aposta por ofrecer á mocidade experiencias educativas e de lecer de calidade que fomenten a convivencia, o respecto pola natureza e o coñecemento do patrimonio cultural e lingüístico, contribuíndo ao desenvolvemento persoal das novas xeracións.

50 mozas e mozos de Soutomaior gozan xa do campamento de verán na Serra de Gata, unha experiencia de natureza, convivencia e intercambio lingüístico