DO 3 AO 5 DE XULLO. PRAZA DA FERRARÍA

Pontevedra reúne máis de cen autores na novena Festa dos Libros

Presentación da Festa dos Libros
Presentación da Festa dos Libros
Pontevedra reúne máis de cen autores na novena Festa dos Libros

Pontevedra, 19 de xuño de 2026. Pontevedra, 19 de xuño de 2026.- Pontevedra acollerá a primeira fin de semana de xullo –venres 3, sábado 4 e domingo 5 de xullo– a novena edición da Festa dos Libros, que encherá a carpa situada na praza da Ferraría de literatura, encontros arredor da lectura e propostas culturais para todos os públicos.

Organizada polo Concello de Pontevedra, a festa conta coa colaboración de trece librarías da cidade: Aviones de Papel, Clip, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Libraría Paz, Librería Escolma, Librería Metáfora, Librería Seijas, Librería Cronopios e Mononoke Manga. Ademais, a editorial pontevedresa Kalandraka contará cun espazo propio para a exposición das súas publicacións.

A carpa permanecerá aberta ao público en horario de 11.00 a 14.00 h e de 18.00 a 22.30 h (agás o domingo, que pechará ás 22.00 h).

Ademais dos postos de venda das librarías, o evento reunirá a máis dun cento de escritores, escritoras e profesionais do ámbito editorial e cultural que protagonizarán un amplo programa de actividades destinadas a fomentar a lectura e o amor polos libros. 

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez Xunqueira, acompañado por representantes das librarías colaboradoras, presentou o programa, que abrangue propostas para todas as idades e que abrirá cada unha das tres xornadas con actividades dirixidas ao público infantil.

Begoña Caamaño, memoria viva

A programación do venres 3 de xullo arrancará cunha destacada presenza da literatura para os máis pequenos. Ás 11.30 h, o Colectivo Xurelo ofrecerá o contacontos ilustrado con música Begoña Caamaño. Pequena biografía (Lela Edicións), inspirado na obra homónima e concibido para achegar a figura da escritora homenaxeada nas Letras Galegas 2026. Enrique Mauricio estará acompañado pola ilustradora Tania Solla e polo músico Marcelo Dobode. A continuación, ás 12.30 h, chegará Un verán de contos e música, con Paco Nogueiras, unha proposta da editorial Kalandraka na que a narración oral e a música volverán ser protagonistas.

Xa pola tarde, ás 18.15 h, a programación volverá centrarse en Begoña Caamaño cunha mesa arredor da súa obra e do seu legado, na que participarán Ana Romaní, autora de Volveredes brindar por min (Editorial Galaxia); Paula Carballeira, que presentará O transgredir das ondas (Editorial Galaxia); Beatriz Maceda, con Begoña ou o pracer da amizade (Xerais); e María Xosé Porteiro, que achegará Begoña Caamaño. Xornalismo para a cidadanía. De Vigo a Compostela (Editorial Galaxia). O encontro estará presentado polo escritor e editor Víctor Freixanes.

Traxectoria literaria

Unha hora despois, ás 19.15 h, chegará un dos momentos centrais da xornada, coa conversa entre Manuel Rivas e o xornalista cultural Ramón Rozas, dentro da sección dedicada á traxectoria destacada. A continuación, ás 20.15 h, o público poderá asistir á presentación de La educación del monstruo (Editorial Espasa), a novela coa que a actriz e escritora Elvira Mínguez obtivo o Premio Primavera de Novela. O programa rematará cun encontro arredor da memoria, a historia e a relación entre paisaxe e identidade no espazo atlántico no que participarán o arqueólogo Alfredo González-Ruibal, Premio Nacional de Ensaio 2024 e autor de País en ruinas (Editorial Crítica); Xurxo Ayán e Olga Novo, que presentarán Repil. 20 de abril de 1949 (Edicións Positivas); e Manuel Gago, con Ata que os mares sequen. Unha Escocia en clave galega (Morgante Edicións). María Hermida será a encargada de moderar a conversa.

A mañá do sábado 4 abrirase ás 11.00 h cunha actividade dirixida ao público infantil e familiar, seguida do faladoiro “Arredor de GÁLIX e a LIX galega actual: éxitos e desafíos”. Ás 12.30 h regresará unha das citas xa consolidadas da Festa, Enfiando lecturas, organizada pola Libraría Paz para descubrir voces novas e propostas editoriais diversas. Nesta ocasión daranse cita Xesús Fraga eXerardo Quintiá, coa obra epistolar Tempo de correspondencia (Xerais); María Lado, co poemario Odias a poesía (Ed. Elvira); e Anxos Sumai, coa novela A nena de xeo (Euseino? Editores), nun diálogo moderado pola xornalista Alba Moledo.

Xa na sesión da tarde, ás 18.15 h participarán Tamara Andrés, con Eu son de aquí e de alá (Editorial Galaxia); Carmen V. Valiña, autora de Illa de sangue e As tolas que non o eran (Editorial Galaxia), obra esta última distinguida co Premio Losada Diéguez de Investigación 2026 e traducida ao castelán por Pepitas; e Alba Tomé, que falará de As humidades (Editorial Galaxia), nun encontro presentado por María Xesús López Escudeiro.

Ás 19.15 h será a quenda de María Solar, Irene Lourido e Victoria Pinal, que conversarán sobre as súas obras máis recentes: As malas ideas, O lado nobre e Tiña eu razón (Xerais), respectivamente, tres obras que afondan na identidade, nas relacións persoais e nas experiencias vitais. A conversa contará coa condución da xornalista Chus Gómez Dorrego.

Voces e conversas

A partir das 20.15 h terá lugar un encontro que reunirá a Manel Loureiro que presentará Antes de que todo cambie (Planeta), e Manuel Jabois que compartirá co público as claves de La víspera (Alfaguara). O diálogo estará conducido pola xornalista Belén López.

Como peche da xornada do sábado, desenvolverase unha mesa dedicada á música e á cultura popular galega coa participación de Lois Pérez, autor de Hoxe toca Leiva? (Xerais), e Fernando Fernández Rego, que presentará Andrés do Barro. A xénese do pop en galego (Editorial Galaxia), presentada pola xornalista Teresa Cuíñas.

O domingo 5 comezará cunha nova actividade para público familiar da man de Nacho Rubio e a súa obra Os nenos porcalláns (Pepa a Loba Editora), nunha sesión de contos e ilustración. Ás 12.30 h celebrarase o tradicional Vermú Literario de Pinto e Maragota arredor da obra gañadora da quinta edición do premio pola diversidade sexual e de xénero, As esquinas (Xerais), de Miguel Calvo Marques. O encontro contará coa participación de Sara Vila, escritora e membro do xurado, e da concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, e estará amenizado por Hugo Andrade DJ.

Xa pola tarde, ás 18.15 h, Arturo Lezcano falará de O país invisible (Libros del K.O.), Juan de Sola de Entre los muros del olvido (Libros del Futuro) e Valentín Carrera de El mundo desde abajo. La odisea australiana de Rosendo Salvado (Editorial Folch & Floch), obra gañadora do I Premio Altaïr de Literatura de Viaxes. Os tres autores dialogarán sobre a crónica, a memoria e a viaxe nun encontro moderado pola xornalista Laura Fresneda.

Ás 19.15 h tomarán a palabra José Ignacio Carnero, que presentará Os fabuladores (Aira Editorial, con edición en castelán en Random House), e Francisco Narla, un dos autores galegos de maior proxección no ámbito da novela histórica, que presentará Ultreia e Suseia (Editorial Istoría. Grupo Planeta).

Clausura

A clausura da novena edición da Festa dos Libros contará coa participación de dúas das autoras de maior éxito do panorama actual: Arantza Portabales, referente da novela negra galega contemporánea, que presentará Asasinato no muíño do cura (Editorial Galaxia), e María Oruña, unha das voces máis destacadas da narrativa de misterio e suspense, que conversará arredor de La Cámara de las Maravillas (Plaza & Janés), nun encontro moderado polo xornalista Álex Espiño.

Ademais das presentacións e faladoiros, a Festa dos Libros incluirá durante toda a fin de semana sinaturas de exemplares, encontros cos lectores e lectoras e diversas actividades complementarias arredor do libro e da lectura como un roteiro literario, o Cafeciño & Draw ou a observación solar, entre outras.

Pontevedra reúne máis de cen autores na novena Festa dos Libros