Unha festa libre e diversa e a manifestación do Orgullo pecharán o xuño LGTBIQ+ na cidade, lembrando que Con Franco NON viviamos mellor

Presentación Mes do orgullo
Presentación Mes do orgullo
Unha festa libre e diversa e a manifestación do Orgullo pecharán o xuño LGTBIQ+ na cidade, lembrando que Con Franco NON viviamos mellor

Pontevedra, 25 de xuño de 2026. Unha festa, con música, xantar e espectáculos e unha manifestación co lema “Con Franco NON viviamos mellor” porán o ramo, o sábado 27 de Xuño, ao mes do Orgullo en Pontevedra, que principiou o pasado día 4 coa instalación Orgullo PTV+ Referentes na balconada da Casa Consistorial, visibilizando a lembranza e agradecemento a todos os referentes da comunidade LGTB+, que loitaron para que hoxe poidamos ser quen somos e vivir con dereitos e en liberdade.

Por iso o 27 de Xuño será unha xornada de alegría, mais tamén de reivindicación. A Festa do Orgullo PTV+ 2026 terá como escenario o parque das Palmeiras e desenvolverase entre as 13.00 horas e as 02.00 da madrugada, cun alto ás 20.00 horas, momento no que sairá a manifestación da praza do Concello, onde tamén rematará coa lectura do Manifesto do Orgullo, tamén en lingua de signos.

O lema da marcha, "Con Franco NON viviamos mellor", é un convite á reflexión e un berro fronte ao esquecemento nun momento de involución social, no que algunhas persoas estrañan un pasado idealizado ou descoñecido. É preciso lembrar que, durante a ditadura, existía a Lei de Vagos e Maleantes (1954), que permitía internar aos homosexuais no cárcere ou campos de concentración sen cometer ningún delito, só por existir, e que foi substituída en 1970 pola Lei de Perigrosidade e Rehabilitación Social, que “legalizou” internamentos psiquiátricos e terapias de conversión, unha tortura institucionalizada que hoxe queren manter con avais seudocientíficos.

Ao longo do mes, e co gallo do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ (28X), desenvolveuse un amplo abano de actividades lúdicas, culturais e formativas promovidas pola Concellería de Igualdade e nas que tiveron un un papel destacado o programa municipal Pinto e Maragota, o colectivo Avante LGTB+ e Arelas- Asociación de familias de menores e mocidade Trans de Galiza

Festa do Orgullo PTV+ 2026- Programa

• 13.00 horas. Comeza a festa: Mamma mía! - Happy Singers • 13.30 horas. Vermú musical, con Projecto Mourente
• Xantar diverso nas Palmeiras, con música petarda
• 16.00 horas. Tarde, con Duendeneta Dilleis

• 20.00 horas. Manifestación Orgullo 2026

• 21.00 horas. Drag Show, con Kelly Amethyst e Escarlatina Pier • 22.00 horas. Menos mal! Concerto de Montedapena
• 23.00 horas. Señora DJ
• 00.30 horas. Gorllitox

• 02.00 hora. Fin de festa

Unha festa libre e diversa e a manifestación do Orgullo pecharán o xuño LGTBIQ+ na cidade, lembrando que Con Franco NON viviamos mellor