O Concello de Soutomaior adxudica por máis de 125.000 euros a humanización da Praza da Poza do Souto, en Moreira
Soutomaior, 23 de xullo de 2026. O Concello de Soutomaior vén de adxudicar á empresa Construcciones Vale S.L. as obras de humanización da Praza do Souto, no barrio de Moreira, por un importe superior aos 125.000 euros. Ademais, a empresa incluíu na súa oferta unha mellora valorada en arredor de 7.000 euros, consistente na instalación de cinco novos puntos de luz, reforzando así a iluminación da contorna.
As obras contan cun prazo de execución de dous meses e está previsto que comecen a finais do mes de agosto.
O proxecto ten como obxectivo transformar este espazo público para adaptalo ás necesidades actuais da veciñanza, mellorando a seguridade viaria, renovando os pavimentos e ampliando as zonas destinadas ás persoas. A actuación permitirá crear unha contorna máis accesible, cómoda e atractiva, incorporando zonas verdes, espazos de lecer e materiais de calidade que contribuirán a poñer en valor a identidade propia de Moreira.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que "a adxudicación desta obra supón un paso importante para seguir mellorando os espazos públicos dos nosos barrios. Moreira conta cun enorme valor patrimonial e paisaxístico, polo que esta actuación permitirá ofrecer á veciñanza unha praza máis segura, accesible e agradable para desfrutar". O rexedor engadiu que "seguimos avanzando no compromiso do Goberno municipal de investir en actuacións que melloren o día a día da cidadanía e contribúan a revitalizar os nosos núcleos rurais".
Esta humanización dá continuidade ás melloras realizadas nos últimos anos noutras zonas de Moreira, como Fondo de Vila e Ouxil, dentro da aposta do Concello por reforzar os barrios e parroquias do municipio, mellorar os espazos públicos e incrementar a calidade de vida da veciñanza.