LORES, MOSQUERA E MOREDA VISITAN AS OBRAS

Os primeiros traballos de renaturalización do río Gafos concéntranse na contorna escolar para liberar os accesos en setembro

Visita ás obras de renaturalización do Gafos
Visita ás obras de renaturalización do Gafos
Os primeiros traballos de renaturalización do río Gafos concéntranse na contorna escolar para liberar os accesos en setembro

Pontevedra, 8 de xullo de 2026. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou hoxe os traballos de renaturalización do río Gafos ao seu paso polo barrio de Campolongo en compañía dos concelleiros César Mosquera e Xaquín Moreda. O rexedor comprobou que as obras se atopan nas súas fases iniciais e avanzan ao ritmo previsto co obxectivo de devolver a vida á canle fluvial e transformar a calidade urbana da zona.

Fernández Lores explicou que os primeiros traballos sobre o terreo son máis escuros, farragosos e non teñen visibilidade, pero salientou a implicación da dirección de obra ante un proxecto de gran complexidade. "Vai ser unha obra marabillosa para Pontevedra, que vai devolverlle a vida ao río en Campolongo e que vai ser valorada positivamente por toda a cidadanía", declarou o rexedor.

Visita ás obras de renaturalización do Gafos
Visita ás obras de renaturalización do Gafos

A prioridade actual das obras céntrase na área situada entre os centros educativos debido á limitación de espazo e á necesidade de realizar escavacións e contencións de terras. Os traballos avanzan para que este tramo quede libre antes do inicio do curso escolar en setembro. Neste sentido, xa se iniciou a reposición do saneamento na marxe esquerda, á altura da escola infantil, e estase a executar a zapata da pasarela peonil máis grande do proxecto, que contará con 12 metros de ancho. Ademais, prepárase un acceso á piscina e ao colexio que non estaba inicialmente incluído no ámbito do proxecto, co obxectivo de que a zona quede perfectamente habilitada para o regreso ás aulas.

A previsión técnica establece que o levantamento continuo das tapas de formigón da canle comezará durante este mes de xullo neste mesmo tramo para despois continuar río arriba. Paralelamente, a finais de mes iniciarase o traslado de parte dos xogos do parque infantil de Campolongo. Os aparellos destinados aos nenos de maior idade recolocaranse máis preto da piscina e serán reparados e homologados para estar operativos en setembro, mentres que a zona infantil para os máis pequenos se manterá na localización actual.

O proxecto de renaturalización, adxudicado á Unión Temporal de Empresas (UTE) COVSA e E.C. Casas por un importe de 4.191.406,25 euros e un prazo de execución de 12 meses, actúa sobre unha superficie de 21.929,47 metros cadrados e unha lonxitude de 486,40 metros lineais de río.

Os primeiros traballos de renaturalización do río Gafos concéntranse na contorna escolar para liberar os accesos en setembro