10-12 DE XULLO
Pontevedra acolle o XXVII Memorial Ricardo Portela
Pontevedra, 8 de xullo de 2026. Pontevedra celebrará entre os días 10 e 12 de xullo a vixésima sétima edición do Memorial Ricardo Portela, un evento que volverá encher as prazas e rúas da cidade co son da música tradicional. A cita destaca por acoller o festival do toque pechado de gaita e por reunir a creadores e intérpretes nunha fin de semana dedicada á posta en valor deste patrimonio cultural.
O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez amosou a súa satisfacción pola continuidade do encontro e sinalou que dende o Concello «estamos encantados de que se volva a celebrar e de que Pontevedra acolla o festival do toque pechado da gaita».
Pola súa banda, Alberto Pires, en representación da Asociación de Gaiteiras Galegas, quixo «agradecer un ano máis o apoio do Concello porque sen eles isto non sería posible». Pires destacou a consolidación histórica do festival, que en tres anos acadará as tres décadas de traxectoria: «levar 27 anos organizando unha cousa coma esta e enchendo de música tradicional as rúas dunha cidade tan bonita como Pontevedra xa é importante».
Homenaxe a José Fernández Canosa, «O ghaiteiro do Piñeiro»
A presente edición do memorial renderá unha homenaxe á traxectoria e á figura de José Fernández Canosa, coñecido artisticamente como «O ghaiteiro do Piñeiro», un dos nomes máis destacados da música tradicional da comarca do Morrazo. Alberto Pires describiuno como «un dos referentes na zona do Morrazo».
Nacido no seo dunha familia de gaiteiros, formouse dende neno xunto ao seu pai e ao seu tío. Ao longo de máis de cincuenta anos de actividade, integrou numerosos grupos, entre eles Airiños do Piñeiro, do cal foi fundador. Tamén formou parte doutras formacións como Airiños do Mar de Hío ou Airiños do Castelo.
O estilo de Fernández Canosa caracterizouse por ser moi propio e recoñecible, cunha ornamentación moi rica, o uso expresivo dos silencios, o toque pechado e un característico venteo con toda a man. Foi un transmisor fundamental das tradicións de Aldán, onde exerceu como gaiteiro da Danza de Aldán durante dúas décadas. A súa traxectoria quedou recollida no disco O ghaiteiro do Piñeiro e foi recoñecida con premios como o Xoán de Cangas ao labor cultural.