SÁBADO 20 DE XUÑO

Coidar as persoas coidadoras, obxectivo da segunda edición de ‘Pontevedra cos 5 sentidos’, un roteiro solidario para visibilizar a parálise cerebral e recadar fondos para Amencer-Aspace e AECC

Presentación "Pontevedra cos 5 sentidos"
Presentación "Pontevedra cos 5 sentidos"
Coidar as persoas coidadoras, obxectivo da segunda edición de ‘Pontevedra cos 5 sentidos’, un roteiro solidario para visibilizar a parálise cerebral e recadar fondos para Amencer-Aspace e AECC

Pontevedra, 10 de xuño de 2026. Coidar ás persoas coidadoras, ás non profesionais (familiares, case sempre) e profesionais. Con este obxectivo chega a segunda edición do evento lúdico-cultural e solidario Pontevedra cos 5 sentidos, un roteiro inclusivo organizado pola Asociación de familias de persoas con parálise cerebral e outros trastornos neuro-motores- Amencer-Aspece xunto coa empresa turística Galiwonders e que conta co apoio do Concello de Pontevedra, ademais de distintas empresas locais. Neste ocasión terán como aliada á Asociación española contra o cancro AECC de Pontevedra

A actividade, que ten carácter recadatorio, daralle visibilidade á parálise cerebral, ademais de poñer o foco na necesidade de contar con actividades de lecer e culturais adaptadas a todas as persoas.

A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, presentou o evento xunto co presidente de Amencer-Aspace, Carlos Godoy e a CEO de Galiwonders. Sabela Gippini, e animou á cidadanía a sumarse á iniciativa: ben de xeito directo, participando no roteiro ou ben cun donativo para a Fila 0. Os formularios de inscrición e doazón poden atoparse na web da asociación, na seguinte ligazón.

O custe da inscrición/participación é de 15 € por adulto; 6€ por neno/a de 6 a 12 anos e 0 € para os menores desta franxa de idade. Pola súa banda cada usuario/a de Amencer poderá levar un acompañante de balde.

Os cartos recadados irán para o desenvolvemento do proxecto “Coidamos aos coidadores” de benestar emocional para as/os coidadores Amencer-Aspace e AECC, e para persoas con discapacidade ou que están en proceso de enfermidade.

Anabel Gulías subliñou que iniciativas como Pontevedra cos 5 sentidos amosan que “somos unha cidade diversa, accesible e inclusiva, na que todas e todos contamos, sexan cales sexan as nosas capacidades”, e declarouse orgullosa de colaborar con asociacións como Amencer-Aspace e a AECC.

“De Amencer fálase da súa capacidade reivindicativa pero non da súa capacidade para facernos reflexionar, xerar pensamento crítico e poñer no mapa que hai cousas importantes na vida; que nos aprende a enfrontar desafíos y que en Pontevedra hai persoas diversas, persoas enfermas e detrás delas hai redes de coidadoras que precisan un respiro, desconectar”, explicou a concelleira. Neste marco atópase o roteiro lúdico-cultural e solidario que propón Amencer, “un itinerario para sentir a cidade e totalmente accesible”.

Pola súa banda, o presidente de Amencer-Aspace, Carlos Godoy, agradeceu “a axuda do Concello, sempre ao carón” e quixo poñer o foco “na importancia de facernos visibles, de que a xente sexa consciente de que somos diversos”, sen restar importancia ao carácter solidario do evento.

Roteiro e actividades

Historia, artesanía, oficios tradicionais ligados ao mar tecerán o relato do roteiro Pontevedra cos 5 sentidos, un itinerario con actividades e obradoiros intercaladas e con paradas en puntos emblemáticos da cidade como o Mercado, a Casa da Luz, a Casa das Campás, as prazas da Peregrina ou a Ferrería e o Campiño de Santa María, onde rematará a xornada música o vivo, co grupo Gold & Colt.

Este roteiro multi-sensorial partirá ás 10.30 horas da praza de España, dividido en grupos, de arredor de 25 persoas. Cada un deles cunha guía, que coordinará os desprazamentos e garantirá a chegada a tempo as distintas actividades complementarias e obradoiros como, por exemplo:

  • Mostra de artesanía tradicional, redes e materiais pesqueiros, coas redeiras de Atalaia
  • A mar no teu corpo: memoria, arte e mural colectivo, coas mariscadoras de Carril
  • Cultivo de mexillóns+ obradoiro práctico de atado de cordas, cun bateeiro
  • Mar de fábula: contaminación mariña+ exposición táctil sobre praias limpas
  • Cata a cegas: Marisco tradicional + demostración de cociña en directo.
  • 13 Graos: Lentes de 360 graos para explorar o fondo mariño

Cada experiencia terá unha duración aproximada de 40 minutos e cada grupo participará en tres.

Amencer-Aspace naceu hai 35 anos en Pontevedra para acompañar a persoas con parálise cerebral e as súas familias, desenvolvendo proxectos de atención, inclusión e apoio integral. Hoxe en día atende nos seus centros a 225 persoas usuarias, delas 165 son socios da organización.

Coidar as persoas coidadoras, obxectivo da segunda edición de ‘Pontevedra cos 5 sentidos’, un roteiro solidario para visibilizar a parálise cerebral e recadar fondos para Amencer-Aspace e AECC