As obras de mellora da eficiencia enerxética da cuberta do Mercado de Abastos comezarán despois do verán
Pontevedra, 9 de xuño de 2026. O Concello de Pontevedra iniciará as obras de renovación e mellora da eficiencia enerxética no Mercado de Abastos o vindeiro 1 de setembro. A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, confirmou esta data de inicio tras manter conversas entre o equipo técnico do Concello e os usuarios da Praza, cos que se acordou compatibilizar a maior parte da actuación coa actividade comercial diaria.
Segundo explicou Anabel Gulías, a decisión de aprazar o inicio dos traballos ata despois do verán tomouse para dar resposta ás peticións do persoal de non afectar á campaña estival e, fundamentalmente, para ter garantías totais de subministro de materiais. A concelleira incidiu en que se desbotou a idea de empezar antes para non arriscar a facer traslados e montar a loxística de obra e que despois, por algún problema burocrático ou técnico cos materiais, se paralizase o traballo, o que suporía un grave problema para as vendedoras. Deste xeito, o 1 de setembro asegura un inicio con todas as garantías de execución continua.
O proxecto, que conta cun orzamento de licitación de 518.732,13 euros céntrase na desmontaxe da estrutura actual e na substitución do lucernario principal do edificio. Instalarase unha nova cuberta con vidros tecnolóxicos de control solar e unha "segunda pel" interior. Esta infraestrutura está concibida para evitar a filtración dos raios infravermellos, garantindo o mellor illamento térmico e a protección e conservación óptima da mercadoría fresca (como peixe, froitas, verduras e flores) que se ofrece na planta baixa.
Ademais de mellorar as condicións hixiénico-sanitarias e de confort, a intervención contará cun deseño artístico retroiluminado con LED.