O Concello de Pontevedra adxudica catro novos postos no espazo gastronómico do Mercado Municipal para a súa apertura en outubro
Pontevedra, 23 de xullo de 2026. A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, deu conta da proposta definitiva de concesión do primeiro andar do mercado municipal da rúa Serra, destinado ao espazo gastronómico. Esta resolución supón un paso máis na folla de ruta do goberno local para a dinamización do mercado, que busca consolidar os negocios existentes e incorporar novas iniciativas.
Tras o procedemento de licitación pública, autorizáronse un total de catro concesións:
- Daniela Luciana Taber instalarase no posto 7A, cun canon anual de 1.750 euros. Trátase dunha iniciativa especializada en sandwichería artesanal contemporánea, baseada na elaboración de focaccias e na fusión da gastronomía galega e arxentina.
- Hotel Casa Román SL ocupará o posto 15B por un canon anual de 600 euros, cun proxecto centrado na pizza artesanal de longa fermentación e masas inspiradas no tradicional pan de bóla galego.
- Marta Santiago Coroso, da iniciativa A Fervella, pasará a xestionar o espazo libre destinado a bar, abonando un canon anual de 2.000 euros.
- Tierra de Alebrijes SL, un proxecto xa consolidado na cidade dedicado á comida mexicana de elaboración tradicional, pasará a ocupar o posto dobre 24B-26B (antigo local da Fervella) por un canon anual de 2.000 euros.
Vilaverde explicou que estas concesións outórganse por un período dun ano, sendo prorrogables por dous anos máis de forma anual, ata un máximo de tres anos. A partir da notificación formal, os adxudicatarios terán un prazo máximo de tres meses para realizar as obras de adaptación nos seus espazos. O obxectivo é que os novos locais estean a funcionar no mes de outubro.
O proceso de licitación contou inicialmente con varias propostas a maiores, das cales tres tiveron que ser excluídas. Unha por ser presentada fóra de prazo, mentres que o resto quedaron fóra por non achegar a documentación nos termos recollidos polos pregos.
Para concluír, a tenente de alcalde avanzou que, dado que aínda quedan espazos sen adxudicar, a concelleira responsable da área de Mercados, Anabel Gulías, anunciará proximamente a elaboración duns novos pregos. Estes buscarán incluír outros modelos de negocio que encaixen coa natureza do mercado para seguir impulsando o seu reflote e alimentar a súa actividade económica.