Pontevedra presenta a 32ª edición do seu Festival Internacional de Jazz e Blues cunha forte aposta pola mestura e a variedade
Pontevedra, 23 de xullo de 2026. A cidade de Pontevedra acolleu esta mañá a presentación oficial da 32ª edición do Festival Internacional de Jazz e Blues, un evento consolidado como unha das citas ineludibles do verán pontevedrés.
O acto contou coas intervencións do concelleiro de Festas, Demetrio Gómez; o representante do Seminario Permanente de Jazz, Paco Charlín; e o coordinador do festival, José Antonio Ortiz, quen debullaron os detalles dunha programación que destaca pola súa ampla variedade de estilos e propostas.
O concelleiro Demetrio Gómez foi o encargado de abrir a rolda de prensa, anunciando que os concertos centrais celebraranse, coma sempre, na praza da Ferraría a partir das 22:30 horas e con entrada de balde. Ademais, a música tomará as rúas da cidade da man da agrupación Brass Atlantic, cuxos pasarrúas animarán o ambiente ás 12.30 e ás 20:00horas. Gómez destacou que este evento demostra como o jazz e o blues están "absolutamente inseridos dentro da vida da Boa Vila" e subliñou o gran traballo de programación conxunta, que permitirá ao público gozar de estilos moi variados, dende o jazz galego ata músicas africanas, vangardas e música electrónica.
Pola súa banda, Paco Charlín, en representación do Seminario Permanente de Jazz, presentou as propostas galegas e agradeceu ao Concello o seu apoio continuo aos músicos dos país, un feito que valorou moi positivamente xa que noutros festivais escasea a presenza de talento local.
O festival contará coa enerxía de Layuca, un sexteto composto por músicos cubanos e galegos que mesturará música afro, cubana e funk para facer bailar ao público. O día 4 de agosto será a quenda dunha potente formación baixo o nome de Juzz composta case na súa totalidade por músicos galegos, liderada polo destacado guitarrista Virxilio da Silva. Este proxecto ofrecerá unha ambiciosa mestura de psicodelia, blues, rock e jazz, utilizando unha instrumentación propia dos anos 70 que inclúe órgano, a frauta de Álex Salgueiro e un piano Rhodes.
O director do festival, José Antonio Ortiz, desvelou os detalles do cartel internacional, subliñando que a gran protagonista desta edición é "a mestura", que considerou a verdadeira esencia do jazz.
A noite do 5 de agosto subirá ao escenario Nils Petter Molvær, unha figura de máxima transcendencia histórica en Europa e un referente do selo ECM. A súa revolucionaria proposta de "electro jazz" ou "future jazz" fusiona a trompeta coa música electrónica e conta cun sofisticado deseño de luces, conformando un espectáculo de altísima calidade moi recomendable tanto para afeccionados ao jazz como á electrónica.
O día seguinte, a praza da Ferraría acollerá o blues e o soul coa actuación de Raphael Wressnig considerado probablemente o mellor organista de Europa ao mando do son Hammond B3. Estará acompañado por Gisele Jackson, unha veterana vocalista cunha voz "poderosísima" que conta cunha longa traxectoria que abrangue dende o gospel ata o traballo como corista xunto a grandes figuras como Ray Charles. A cantante regresa a Pontevedra para repetir o enorme éxito que logrou na súa visita de fai uns anos.
O peche de ouro correrá a cargo de Cyrille Aimée, clasificada pola prestixiosa revista DownBeat entre as dez mellores cantantes de jazz do mundo. A artista, de raíces franco-dominicanas e gañadora dun Grammy, achegará un estilo que fusiona a tradición con ritmos caribeños, interpretando temas en francés, inglés e español. Será a súa primeira visita a Galiza e presentará o seu último traballo en directo.
Para rematar, José Antonio Ortiz quixo poñer en valor a oportunidade única que supón gozar de artistas deste nivel internacional e de forma totalmente gratuíta, un feito que diferenza o certame pontevedrés doutros festivais onde este tipo de concertos teñen un elevado custo para o público.