O Concello de Pontevedra autoriza o trazado de servizos que completa a urbanización da ONCE en Campolongo
Pontevedra, 9 de xullo de 2026. A Xunta de Goberno Local autorizou o acordo entre a ONCE e os propietarios particulares dos terreos que lindan entre as parcelas da ONCE e a rúa Fernando II para o paso e instalación dun treito da rede de sumidoiros e pluviais por eses terreos particulares aínda sen desenvolver urbanisticamente, o que permitirá continuar coa urbanización da ONCE.
A actuación estrutúrase mediante a constitución dunha servidume gratuíta e permanente que discorrerá polo ámbito delimitado polas rúas Alfonso X o Sabio, pintor Rafael Alonso, Fernando I, pintor Virxilio Blanco, rúa das Perliñas e o Camiño das Abilleiras.
O pacto a tres bandas entre o Concello, a ONCE e os propietarios dos terreos sen desenvolver de Campolongo establece que a ONCE asume os custo da instalación dos colectores de pluviais e saneamento e que urbanizará a nova rúa situada ao leste e oeste de Campolongo facilitando o acceso peonil e rodado a dotacións esenciais como o Centro de Recursos da ONCE, o Centro Sur, o Centro Ocupacional de Xoán XXIII e o Instituto Torrente Ballester.
Para urbanizar esta nova rúa, os propietarios de Campolongo comprométense a recoller nun convenio a cesión anticipada de 1.043 metros cadrados de solo.