Pontevedra aproba a licitación da iluminación de Nadal de 2026 que incrementa un 25% e supera os 230.000 euros
Pontevedra, 9 de xullo de 2026. A Xunta de Goberno local aprobou hoxe o expediente de contratación para a subministración e instalación da iluminación das festas de Nadal 2026, Entroido 2027 e verán 2027. O orzamento total da licitación ascende a 293.000 euros, estruturado nestes tres lotes diferenciados.
A partida máis destacada correspóndelle ao Nadal de 2026, que contará cun orzamento de 230.600 euros. Esta cifra recolle un incremento de 45.000 euros respecto ao ano anterior, o que supón un aumento do 25% destinado de xeito exclusivo a potenciar a iluminación de Nadal na cidade.
Pola súa banda, os lotes destinados ao Entroido e ás festas de verán manteñen as mesmas contías que na edición anterior. O orzamento para o Entroido sitúase en 20.800 euros, mentres que as festas de verán disporán de 41.600 euros para a instalación das súas luces.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou hoxe que o incremento económico se dirixe integramente a mellorar a iluminación do Nadal: "O orzamento total destas festas vai ser de 293.000 euros, e increméntase 45.000 euros que están destinados expresamente ás festas de Nadal".
Nova licitación para a recadación executiva e multas de tráfico
A Xunta de Goberno Local tamén deu luz verde ao prego para sacar novamente a contratación o servizo de colaboración na xestión administrativa e recadatoria das multas de tráfico, concretamente na súa vía executiva.
O novo prego establece un orzamento total de 234.120 euros para un período de 2 anos (cun custo anual de 117.060 euros), incluíndo a posibilidade de acordar ata 3 prórrogas anuais adicionais, que se tramitarían de forma individual ano a ano.
Outro dos acordos salientables da Xunta de Goberno foi a aprobación do convenio de patrocinio para acelebración da nova edición do Festival Río Verbena.