Soutomaior convoca unha nova liña de axudas para apoiar ás e aos deportistas individuais do municipio

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo
Soutomaior convoca unha nova liña de axudas para apoiar ás e aos deportistas individuais do municipio

Soutomaior, 13 de xullo de 2026. O Concello de Soutomaior, a través da Concellería de Deportes, vén de aprobar unha nova convocatoria de axudas individuais dirixidas a deportistas do municipio co obxectivo de apoiar a súa práctica deportiva e contribuír a sufragar parte dos gastos derivados da participación en competicións.

Esta nova liña de axudas pode solicitarse ata o 31 deste mes e conta cunha dotación económica total de 8.500 euros. Unhas axudas destinadas a deportistas empadroados no Concello que compitan en modalidades individuais, en parellas, tríos ou cuartetos en competicións oficiais, así como a aqueles que participen en eventos deportivos competitivos de relevancia galega ou estatal.

Con esta convocatoria, o Concello reforza o seu compromiso co deporte de base e co apoio ao talento deportivo local, especialmente en disciplinas individuais, que adoitan contar cunha menor visibilidade e nas que os propios deportistas deben asumir importantes custos de material, desprazamentos, licenzas ou preparación.

As axudas estrutúranse en tres liñas diferenciadas, cada deportista pode optar a unha delas,  segundo o tipo de competición, cun orzamento de 4.500 euros para deportistas individuais en competicións oficiais, 2.500 euros para modalidades por parellas, tríos ou cuartetos en competicións estatais ou internacionais e 1.500 euros para deportistas que participen en competicións non oficiais ou eventos deportivos de relevancia.

Entre os gastos subvencionables inclúense o material deportivo, licenzas federativas, equipamento, desprazamentos, aloxamento, manutención durante as competicións, así como servizos de fisioterapia, medicina deportiva, psicoloxía ou preparación física, sempre que estean directamente relacionados coa actividade deportiva.

Poderán optar a estas axudas as persoas deportistas empadroadas en Soutomaior antes do 1 de xaneiro de 2026, que estean federadas e cumpran os requisitos de participación establecidos nas bases da convocatoria, ademais de atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica durante o prazo de 15 días hábiles, contados desde o día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

 

O alcalde, Manu Lourenzo, destacou que esta convocatoria pretende "recoñecer o esforzo e a dedicación das e dos nosos deportistas, contribuíndo a reducir o impacto económico que supón competir ao máximo nivel e impulsando a práctica deportiva como unha ferramenta de saúde, formación e desenvolvemento persoal e social".

Con esta iniciativa, o Concello de Soutomaior continúa fortalecendo o seu apoio ao deporte local e ao desenvolvemento dos seus deportistas, favorecendo que poidan seguir competindo e representando ao municipio nas distintas competicións galegas, estatais e internacionais..

Soutomaior convoca unha nova liña de axudas para apoiar ás e aos deportistas individuais do municipio