Pontevedra activa recomendacións de aforro fronte á prealerta por seca no río Lérez

Río Lérez
Río Lérez
Pontevedra activa recomendacións de aforro fronte á prealerta por seca no río Lérez

Pontevedra, 9 de xullo de 2026. O Concello aprobou recomendacións para un uso responsable e sostible da auga en Pontevedra e nos municipios da súa contorna tras a declaración de prealerta na bacia do río Lérez. A medida adopta un carácter preventivo ante o progresivo descenso do caudal do río e a falta de predicións meteorolóxicas inmediatas de choiva, aínda que a subministración para o abastecemento humano non corre perigo inminente, segundo explicou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores logo da reunión da Xunta de Goberno Local.

O Concello solicita a colaboración activa de toda a veciñanza para evitar o malgasto de auga. Entre as recomendacións específicas atópase a prohibición de empregar auga da traída para encher piscinas particulares, regar xardíns ou lavar vehículos privados. A nivel doméstico, demándase a instalación de dispositivos de aforro nas billas, priorizar a ducha fronte ao baño e pechar a billa durante accións como o cepillado de dentes, entre outras. Do mesmo xeito, instase ás empresas e industrias a minimizar o consumo e realizar un uso razoable dos recursos.

A nivel interno, a administración local aplicará medidas de contención nos servizos públicos coa moderación do baldeo de rúas, a redución do rego de xardíns e a limitación das fontes ornamentais. Malia que estas accións municipais representan menos do 0,5% do total da auga potabilizada, o obxectivo prioritario é dar exemplo público e concienciar a sociedade sobre a importancia do aforro.

Repunte de consumo nos municipios veciños

O chamamento esténdese de xeito urxente aos concellos que se abastecen directamente da rede potabilizadora de Pontevedra (Poio, Marín, Sanxenxo e Bueu), dado que case o 50% da auga tratada en Pontevedra se destina a estes territorios. O consumo conxunto nesta periferia experimentou un incremento moi significativo durante o primeiro semestre do ano:

No ano 2025, Pontevedra consumiu un total de 4.026.000 metros cúbicos, destacando por ser o municipio galego con menores perdas de auga na rede (un 6,83% de auga non rexistrada). Fronte a isto, os catro concellos limítrofes sumaron conxuntamente 3.900.000 metros cúbicos (Marín con 1.935.000, Sanxenxo con 1.341.000, Poio con 945.000 e Bueu con 503.000 metros cúbicos). O Concello advirte de que a este ritmo o consumo conxunto de toda a comarca durante os meses de xullo e agosto superará os dous millóns de metros cúbicos, un volume inasumible coas reservas actuais se se prolonga a seca.

A industria como prioridade de regulación

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, transmitiu unha mensaxe de tranquilidade á poboación ao lembrar que "nunca nos últimos 27 anos se deixou de subministrar auga a ningún usuario nin a ningún concello". Lores incidiu en que a auga existente no río Lérez é perfectamente suficiente para garantir a subministración doméstica de toda a ría e apelou á responsabilidade á hora de tomar medidas drásticas: "chamo á responsabilidade da Xunta de Galicia á hora de informarnos e de tomar as decisións oportunas coas captacións industriais fóra do sistema. Antes de expor calquera limitación de auga para o consumo humano ou para os concellos veciños, a prioridade absoluta por lei é o abastecemento da poboación. Polo tanto, se fose necesario pola escaseza, a Xunta ten que esixir á empresa Ence que reduza drasticamente ou paralice a súa actividade no río, xa que capta moita máis auga de xeito directo que o Concello para dar servizo a toda a ría".

O encoro do Pontillón como límite de reserva

A capacidade de almacenamento do encoro do Pontillón do Castro, que contén un millón de metros cúbicos,

sitúase actualmente no 84%, unha cifra lixeiramente inferior á do mesmo período do ano pasado, cando rozaba o 90%.

En caso de que o río Lérez non fose suficiente para a captación e fose necesario depender exclusivamente deste encoro, a autonomía de abastecemento para Pontevedra e a súa ría sería de 20 a 25 días. Este axustado prazo débese á obrigación legal de seguir liberando auga para respectar o caudal ecolóxico do río Rons, cuxo fluxo por riba do encoro xa é inexistente na actualidade pola falta de choivas.

O Concello continuará solicitando de xeito formal a Augas de Galiza que lle proporcione os datos concretos e actualizados sobre o estado real de caudal do río, xa que o organismo autonómico é o único que dispón de estacións de medición e medidores na bacía.

Pontevedra activa recomendacións de aforro fronte á prealerta por seca no río Lérez