O ‘Coche de Punto’ consolídase en Pontevedra como servizo e contará cun novo contrato ata finais de 2029 tras case triplicar o seu uso

César Mosquera-Coche de punto
César Mosquera-Coche de punto
O ‘Coche de Punto’ consolídase en Pontevedra como servizo e contará cun novo contrato ata finais de 2029 tras case triplicar o seu uso

Pontevedra, 9 de xuño de 2026. O concelleiro de Mobilidade do Concello de Pontevedra, César Mosquera, informou da aprobación na Xunta de Goberno das bases reguladoras para a nova concesión do servizo de transporte a demanda 'Coche de Punto'. Perante a finalización do contrato vixente o vindeiro 30 de xuño, o Goberno local decidiu dar estabilidade a este servizo lanzando un novo contrato que abarcará desde o 1 de xullo deste ano ata o 31 de decembro de 2029.

Esta prórroga de tres anos e medio evitará ter que renovar o servizo cada seis meses ou cada ano, consolidando unha dotación económica de 115.000 euros anuais (dos cales 57.500 euros se destinarán á metade deste ano en curso). As condicións de uso manteranse exactamente iguais para os usuarios, que seguirán a pagar 2,15 euros por cada traxecto. Pola súa banda, os taxistas do municipio terán que volver adherirse a estas bases para garantir unha frota suficiente que cubra a demanda do servizo.

O responsable de Mobilidade destacou o rotundo éxito de pasaxeiros, subliñando que o uso do Coche de Punto multiplicouse por 2,7, pasando duns 170 usuarios mensuais nos seus inicios a case triplicar esta cifra na actualidade. Este importante incremento viuse impulsado, en boa medida, pola ampliación dos horarios ás tardes e aos sábados.

Mosquera lembrou que se trata dunha solución "absolutamente novedosa e pioneira" que non existe no resto do Estado. "O proxecto está madurando e estase consolidando dunha maneira bastante exitosa", valorou o edil, quen sinalou que a nova duración do contrato permite asentalo de forma definitiva, aínda que coa flexibilidade necesaria para axustar as achegas económicas se a demanda segue a medrar.

O edil tamén ofreceu datos de ocupación correspondentes ao mes de maio, os cales demostran que o sistema está "engraxando" correctamente e optimizando os desprazamentos. Aínda que a maioría das viaxes seguen a ser dun único pasaxeiro, xa existe unha cifra significativa de desprazamentos con dous usuarios, ademais de rexistrarse 19 viaxes con tres pasaxeiros e 7 viaxes de catro persoas nun mesmo vehículo. Isto reflicte a capacidade do servizo para ir sumando e agrupando usuarios de diferentes orixes nun mesmo circuíto.

Doutra banda, durante a súa intervención, Mosquera tamén quixo facer alusión á "auténtica cruzada" que, na súa opinión, mantén o Partido Popular (liderado por Rafa Domínguez) contra o Coche de Punto, e lamentou a súa postura, remarcando que "unha vez máis os datos contradín o seu relato”.

A respecto de posibles novas implementacións, como a sinalización de paradas físicas no rural, o concelleiro de Mobilidade aclarou que é unha posibilidade contemplada desde o inicio dentro do abano de medidas do plan. Non obstante, aclarou que, segundo indican os servizos técnicos e os propios taxistas, nestes momentos non é unha medida necesaria, aínda que se podería implementar no futuro se o número de usuarios dese un salto masivo (por exemplo, ata os 4.000 usos).

O ‘Coche de Punto’ consolídase en Pontevedra como servizo e contará cun novo contrato ata finais de 2029 tras case triplicar o seu uso