20 DE XUÑO. ILLA DO COVO

Pontevedra acollerá unha nova edición do Día Internacional do Ioga cun amplo programa de actividades

Presentación Día Internacional do Ioga
Presentación Día Internacional do Ioga
Pontevedra acollerá unha nova edición do Día Internacional do Ioga cun amplo programa de actividades

Pontevedra, 9 de xuño de 2026. O Concello de Pontevedra ven de presentar unha nova edición do evento para conmemorar o Día Internacional do Ioga, unha cita que se celebrará o vindeiro 20 de xuño nos espazos naturais da cidade, concretamente na Illa do Covo. A xornada contará cun amplo abano de actividades dende as 10:00 da mañá ata as 20:30 da tarde, integrando clases para todos os niveis, charlas, música e gastronomía.

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, presentou o evento destacando a súa importancia consolidada no calendario municipal. A edil subliñou que esta iniciativa cumpre un dobre obxectivo: dunha banda, é unha actividade de benestar social indicada para todos os públicos que axuda a mellorar a calidade de vida; e, doutra, funciona como un motor para a activación do pequeno comercio e do sector na cidade. O evento naceu orixinalmente da proposta da instrutora Myriam Viéitez e do estudo Yoga Flow, con Ela Pereira; e hoxe en día aglutina cada vez a máis profesionais locais.

Pola súa banda, as coordinadoras do evento detallaron que a xornada está pensada para dar cabida a calquera persoa, dende os máis pequenos con "yoga en familia", ata adultos con lesións, pouca flexibilidade ou practicantes avanzados. Para iso, habilitaranse dous espazos diferenciados:

  • O Escenario Lúa: Destinado a aulas máis tranquilas e lentas.
  • O Escenario Sol: Para sesións de estilos máis dinámicos e persoas con experiencia previa.

A organización fixo fincapé en que o ioga é moito máis que a práctica física ("asanas") e busca romper o falso mito de que só consiste en sentar e meditar ou de que non é apto para persoas nerviosas. É, en definitiva, un estilo de vida saudable que engloba o control da mente, as emocións e a mellora de hábitos rutineiros.

Novidades: Charlas, "Food Trucks" e concerto Kirtan

Este ano, como gran novidade, a hora do xantar incluirá unha charla divulgativa para falar sobre o que realmente é o ioga, axudando a eliminar tabús e falsas crenzas. Ademais, fomentarase o espírito de comunidade mediante un gran picnic ao mediodía, no que os asistentes poderán levar a súa propia comida ou gozar dos postos e food trucks que se instalarán no recinto.

A xornada pecharase cun concerto Kirtan, unha actuación na que se cantarán mantras de forma alegre para celebrar a vida.

O evento contará con actividades de forma ininterrompida e habilitará tamén unha zona de mercadiño. Os negocios da cidade relacionados coa saúde e o benestar que desexen participar cun posto aínda poden enviar a súa proposta ao correo electrónico diayogapontevedra@gmail.com.

Nesta edición participarán ata 12 escolas e profesionais do ioga da cidade, rotando para ofrecer unha mostra representativa do sector local. A participación nas clases, que terán unha duración dunha hora, non require de inscrición previa nin límite de prazas pechado; as persoas interesadas só terán que achegarse ao stand da organización uns 15 minutos antes do inicio de cada aula para dar o seu nome.

A única recomendación é acudir con roupa cómoda e levar unha esteira, aínda que a organización matiza que calquera toalla ou pareo é válido, e que tamén disporán de material para prestar a quen o precise, polo que "non hai escusas" para non participar.

Pontevedra acollerá unha nova edición do Día Internacional do Ioga cun amplo programa de actividades