SÁBADO 13 DE XUÑO. SALÓN DE ACTOS DO PAZO DA CULTURA

Pontevedra acolle a entrega da sétima edición dos Premios Mil Primaveras

Mil Primaveras
Mil Primaveras
Pontevedra acolle a entrega da sétima edición dos Premios Mil Primaveras

Pontevedra, 9 de xuño de 2026. O vindeiro sábado 13 de xuño a partir das 11.30h. o salón de actos acollerá a sétima edición dos Premios Mil Primaveras que, desde a súa creación en 2029 da man da CTNL, busca valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e prestixio.

O edil de Normalización Lingüística Demetrio Gómez, asistirá a este acto de entrega público e con entrada libre ata completar cabida, que contará coa actuación de Iseo a Moura, cantautora e narradora oral, integrante de Blues do País e Sacha na Horta e líder de Måi.

Ata a data os Premios Mil Primaveras suman 36 proxectos de promoción da lingua recoñecidos, que poden ser consultados no web milprimaveras.gal.

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convocou en 2025 a sétima edición dos Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego co obxectivo de recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, valorar e difundir proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelo. Entre as iniciativas presentadas nesta edición, o xurado recoñeceu as seguintes propostas:

  • As chaves da lingua (As chaves da lingua), pola súa orixinalidade, imaxe, calidade comunicativa e bo uso das redes sociais, alén de pola variedade de persoas destinatarias e polo seu enfoque práctico.
  • Comando Le: grupo de activismo cultural de Espazo Lectura (Asociación Espazo Lectura), por conseguir involucrar os adolescentes, público moi necesitado de ámbitos de uso da lingua, nun contexto de lecer, creando comunidade e compartindo orgullo cos iguais.
  • O Dépor é da Coruña (IES Rafael Dieste), pola forza simbólica e a repercusión fóra do centro educativo da campaña, que chama á acción e traslada a reflexión sociolingüística á sociedade coruñesa no seu conxunto.
  • Revolta Galega (CPI As Revoltas, Cabana de Bergantiños), por ser un modelo integral de dinamización para todo o centro e en diferentes ámbitos, que axuda a afianzar a lingua e a reflexionar sobre a súa importancia social, patrimonial e cultural.

Todas elas recibirán durante o evento un galardón identificativo dos VII Premios Mil Primaveras elaborado por Artesanía Enxebre, obradoiro de madeira do Barco de Valdeorras

Pontevedra acolle a entrega da sétima edición dos Premios Mil Primaveras