O Concello de Caldas pon en marcha a súa primeira Escola Deportiva de Verán con 60 prazas para favorecer a conciliación
Caldas, 8 de xuño de 2026. O Concello de Caldas de Reis celebrará este verán a primeira edición da súa Escola Deportiva de Verán, unha nova proposta municipal destinada a ofrecer unha alternativa de lecer para a rapazada durante as vacacións ao tempo que contribúe a facilitar a conciliación. O tenente de alcalde Manuel Fariña subliña que a proposta xurde en substitución dos antigos obradoiros municipais, cunha oferta máis profesional e variada, e “cun prezo bonificado”.
A actividade desenvolverase entre o 2 e o 31 de xullo, de luns a venres en horario de 9h a 14h, e está dirixida a nenas e nenos nados entre os anos 2010 e 2015. Ofrecerá unha programación moi variada que incluirá deportes como baloncesto, voleibol, tenis, tenis de mesa, pádel, balonmán, bádminton, fútbol sala, xogos tradicionais e deportes alternativos, entre outras propostas. Ademais, desenvolveranse saídas (ao Botánico e á fervenza de Segade, entre outros lugares) e actividades acuáticas, incluíndo o uso da piscina municipal.
Esta nova iniciativa substitúe aos obradoiros municipais que se viñan realizando por parte do Concello durante os veráns anteriores. O obxectivo do goberno local co cambio é avanzar cara a un modelo máis profesionalizado e especializado que permita mellorar a calidade da atención ás nenas e nenos participantes, ampliar a oferta de actividades e incrementar o número de experiencias deportivas e de convivencia.
Fariña destaca que o Concello quere facer accesible esta actividade ao maior número posible de familias, de feito contará con 60 prazas dispoñibles que estarán supervisadas por un amplo equipo de monitores e monitoras. “Estamos ante unha proposta moi completa e o prezo para as familias é moi contido, xa que cada praza está bonificada polo Concello con arredor de 30 euros por participante. Isto significa que o goberno local non chega a cubrir os gastos reais do servizo, pero entendemos que é unha medida necesaria para apoiar ás familias e facilitar a conciliación durante o verán”, explica. O responsable municipal subliña ademais que a Escola Deportiva de Caldas sitúase entre as actividades con prezos máis accesibles da contorna.
As inscricións permanecerán abertas do 8 ao 19 de xuño, establecéndose prioridade para a rapazada empadroada en Caldas de Reis. As persoas interesadas poderán formalizar a súa solicitude a través da Sede Electrónica do Concello ou de maneira presencial nas oficinas do Departamento de Cultura, Turismo, Deportes e Saúde (Rúa Laureano Salgado, 10). Pódese recibir máis información no teléfono 886 157 504 ou no correo deportes@caldasdereis.gal.
O tenente de alcalde Manuel Fariña anima ás familias a aproveitar esta nova proposta, que nace coa vocación de consolidarse como unha referencia da programación municipal promovendo hábitos de vida saudables entre a mocidade a través da práctica deportiva e coñecendo máis a contorna e patrimonio do Concello.