DO 14 AO 17 DE XULLO
A Semana do Patrimonio Invisible de Pontevedra abre as portas de seis edificios emblemáticos
Pontevedra, 7 de xullo de 2026. A Semana do Patrimonio Invisible regresa a Pontevedra do 14 ao 17 de xullo, ofrecendo unha nova oportunidade para explorar os segredos de seis edificios emblemáticos da cidade. Esta iniciativa, que chega á súa sexta edición, ten como principal obxectivo facer accesible e visible o patrimonio cultural e histórico que habitualmente permanece pechado ou restrinxido ao público por motivos administrativos, comerciais ou de propiedade privada.
O concelleiro de Patrimonio Histórico, Demetrio Gómez, sinalou que a veciñanza goza dun patrimonio que moitas veces é difícil de ver ou de gozar por circunstancias moi variadas, como que as instalacións sexan dependencias de xestión municipal, estean ocupadas por algunha empresa ou sexan espazos de carácter particular. "Desvelar todo ese patrimonio, facelo visible, é o que pretendemos", explicou o concelleiro, quen tamén indicou que para esta edición seleccionáronse edificios moi demandados en anos anteriores xunto con novas incorporacións.
Pola súa parte, Manuel Rial, responsable da empresa que xestiona o programa, precisou que nesta edición propóñense seis espazos en total, dos cales "tres e medio" presentan itinerarios completamente novos ou recorridos ampliados. Rial destacou ademais o notable interese que esperta esta actividade entre a propia veciñanza, que constitúe o público maioritario destas visitas guiadas, mesmo nun mes de xullo no que a cidade conta cunha gran afluencia de turistas.
Espazos con propostas renovadas e ampliadas
- Pazo de Gago e Montenegro: ademais de visitar a histórica Imprenta Peón na planta baixa —negocio activo dende 1876 ata decembro de 2024 e onde se custodia a imprenta na que se tirou por primeira vez a obra "Os vellos non deben de namorarse" de Castelao en 1939—, esta edición incorpora como novidade un piso do pazo con elementos modernistas de gran valor e do Art Nouveau que mostran a estrutura orixinal das vivendas pontevedresas de finais do século XIX.
- Convento de San Francisco: trátase dun dos espazos máis demandados na edición anterior e permite acceder á zona habitada actualmente como convento, á igrexa medieval, ao claustro e á súa tribuna.
- Café Moderno Afundación: este edificio abrirá todas as súas dependencias dende o xardín posterior ata as súas diferentes plantas, revelando as historias de tertulias de intelectuais como Castelao ou Alexandre Bóveda e a súa relación con arquitectos de referencia como Alejandro de la Sota.
- Instituto Valle-Inclán: un referente educativo da cidade que permitirá un percorrido completo dende as súas "catacumbas" e cimentos ata a parte máis alta, onde se situaba o antigo observatorio e que hoxe alberga a radio do instituto, ofrecendo vistas sobre a cidade.
- Facultade de Belas Artes: os visitantes poderán acceder ao antigo Cuartel de San Fernando e Real Mestranza do século XVII, hoxe reconvertido en facultade artística.
- Inmoble da rúa Churruchaos número 2: este pazo urbano do século XVIII, que acolle as oficinas técnicas do Concello, mostrará a súa profunda rehabilitación arquitectónica, caracterizada polo protagonismo da luz natural.
As visitas guiadas organizaranse en grupos reducidos de ata 15 persoas para asegurar unha adecuada calidade na explicación e protexer os bens patrimoniais.
A inscrición, de carácter gratuíto e obrigatorio, habilitarase o vindeiro xoves ás 12:00 horas a través da páxina web patrimonioinvisible.gal. Cada persoa poderá reservar un máximo de tres visitas cun límite de dous pases por reserva para favorecer a participación de máis cidadáns nun programa que, dende o seu inicio en 2020, xa logrou abrir un total de 22 espazos históricos na cidade.