O BNG propón a restauración integral do peto de ánimas do Pino e o acondicionamento da súa degradada contorna
Valga, 25 de xuño de 2026. O BNG presentará unha moción no próximo pleno para solicitar a restauración urxente e o acondicionamento da contorna do peto de ánimas do Pino, un elemento patrimonial que na actualidade presenta un deterioro evidente, tanto na súa estrutura de pedra de cantaría como no espazo público que o rodea. Esta iniciativa esixe que o goberno municipal destine todos os recursos necesarios, tanto propios como externos, para frear o abandono dunha peza que conta coa máxima protección legal, ao estar catalogada co código ER-302 no Plan Xeral de Ordenación Municipal e estar incluída no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galiza. O BNG considera inaceptable o estado de abandono no que se atopa esta obra escultórica de moi boa labra, que destaca por ser o único peto de ánimas desta tipoloxía existente en todo o termo municipal de Valga.
Os petos de ánimas son pequenos monumentos relixiosos de pedra, moi comúns na Galiza, que se situaban estratexicamente en camiños, pontes e encrucilladas para simbolizar o profundo vínculo e a solidariedade entre os vivos e os mortos na cultura galega. O obxectivo tradicional destas construcións era que os pasantes deixasen unha esmola ou rezasen unha oración polas ánimas que sofren nas chamas do Purgatorio, de xeito que cos cartos recollidos se pagaban misas para axudalas a saír dese sufrimento e chegar ao Ceo. A cambio deste xesto, as ánimas protexían ao camiñante durante os perigos da viaxe, unha tradición que se mantén moi viva na paisaxe galega actual, onde moitos veciños seguen achegándose a eles de xeito espontáneo para depositar candeas ou flores frescas.
O peto de ánimas do Pino está elaborado en pedra de cantaría con certos complementos metálicos, e atópase rodeado por un peche exterior tamén de pedra. O seu pedestal estrutúrase a xeito de macizo piar de sección cuadrangular sobre un plinto basal dividido en tres bloques, conservando no superior o peto metálico orixinal para as esmolas. Pola súa banda, o retablo de ánimas posúe un feitío harmónico e polimorfo, cun deseño en forma de crecente inferior sobre o que se superpón un lenzo rectangular rematado nun frontón ou voado curvo de cornixa. Dito retablo amosa as imaxes da Virxe do Carme co Neno no colo actuando como a intercesora salvadora e, xusto por debaixo, cinco ánimas que se asoman no medio das chamas do Purgatorio cos brazos alzados implorando a axuda divina e as oracións dos vivos, aínda que o conxunto atópase incompleto debido á desaparición da cruz de pedra que historicamente coroaba o cume.
Para reverter esta situación, a moción do BNG recolle unha serie de actuacións urxentes que deberán ser executadas por unha empresa especializada na conservación de elementos patrimoniais, garantindo o máximo respecto á peza orixinal. Entre os traballos propostos atópanse a eliminación de liques e musgos mediante unha limpeza coidadosa da pedra, a consolidación estrutural do granito, a retirada de morteiros e cementos engadidos en intervencións desafortunadas e o posterior selado de fendas e xuntas. Así mesmo, a intervención inclúe a limpeza e protección do peto metálico que actualmente non conserva a pechadura, a recuperación e reposición da cruz desaparecida no cume do retablo e a aplicación final dun tratamento hidrófugo que impida que o granito absorba a auga da choiva por capilaridade. Para Fran Devesa, voceiro municipal do BNG, “resulta imprescindible mellorar e dignificar o espazo que rodea ao monumento, un lugar hoxe moi descoidado que desluce o valor dunha peza tan senlleira para a historia e a identidade cultural de Valga”.