A cuarta edición do festival BDra Gráfica arrinca en Pontevedra convertendo a cidade no epicentro do Estado da banda deseñada
Pontevedra, 25 de xuño de 2026. A cidade de Pontevedra inaugurou hoxe a cuarta edición do festival BDra Gráfica, un evento público e gratuíto que se consolida como unha referencia cultural e de creación gráfica tanto no panorama galego como peninsular. O acto de apertura contou coa intervención do edil de Cultura, Demetrio Gómez, a tenente de alcalde, Eva Vilaverde, e o director do festival e ilustrador, Kiko da Silva.
No seu discurso de inauguración, en representación do alcalde, a tenente de alcalde Eva Vilaverde destacou a simbiose entre o festival e o propio modelo urbano de Pontevedra, transformando a cidade nun itinerario cultural vivo e nun "organismo cultural compartido". Vilaverde subliñou que investir en cultura é investir no futuro e na calidade de vida, reivindicando a lectura e a linguaxe dos cómics como unha entrada extraordinaria para fomentar o pensamento crítico e comprender mellor o mundo. Así mesmo, puxo en valor a implicación nesta iniciativa de numerosas librarías (procedentes de Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía) e de importantes editoriais que achegan diversidade e riqueza ao programa.
No ámbito institucional, confirmouse que o festival outorgará o Premio BDra Gráfica 2026 á traxectoria profesional a Julio Das Pastoras, un merecido recoñecemento á súa obra, talento e ás décadas de dedicación que enriquecen o patrimonio gráfico e narrativo. Ademais, o festival reforza a súa dimensión internacional coa presenza inédita da histórica e prestixiosa fábrica portuguesa de lapis e material de debuxo, Viarco, o que simboliza e fortalece os profundos lazos culturais que unen a Galicia e Portugal.
Pola súa banda, o director do festival, Kiko da Silva, puxo en valor o espectacular crecemento do evento, que naceu hai catro anos de maneira humilde no Teatro Principal e hoxe xa require a implicación de institucións como a Universidade de Vigo, a Fundación Moldes ou o Liceo Casino para acoller as súas múltiples actividades. Da Silva amosou o seu orgullo polo éxito das xornadas profesionais e encontros con editores iniciados na edición anterior, os cales xa deron como froito que novos talentos, como antigas alumnas do Garaxe Hermético, vexan publicadas as súas primeiras obras con editoriais como Galaxia.
A presente edición busca a implicación directa da cidadanía, convidando ao público a "callejear" e buscar as placas das "Rúas da BD" dedicadas aos autores convidados. A programación esténdese con conferencias profesionais no Pazo da Cultura, coordinadas polo Garaxe Hermético, e un total de cinco exposicións simultáneas.
O acto concluíu cun desexo unánime de que os asistentes desfruten duns días cheos de descubrimentos, aprendizaxes e inspiración, reafirmando a Pontevedra como unha cidade aberta á creatividade, á innovación e ao talento.