GARÁNTESE O ABASTECEMENTO Á CIDADANÍA
Pontevedra alerta do preocupante nivel do Lérez e reclama a intervención de Augas de Galiza
Pontevedra, 25 de xuño de 2026. A tenente de alcalde de Pontevedra, Eva Vilaverde, informou este xoves trala celebración da Xunta de Goberno dunha situación "bastante preocupante" no río Lérez, que debido a un mes de abril moi seco e á falta de choivas en xuño, presenta nestes momentos un caudal atípico para esta época do ano, con niveis que habitualmente non se rexistran ata o mes de agosto.
Segundo os gráficos elaborados polos servizos técnicos municipais —que tiveron que extrapolar o caudal a partir da altura da lámina de auga debido a que a Xunta de Galiza deixou de publicar o dato de caudal no mes de maio— o río atópase por debaixo do seu caudal ecolóxico (marcado en 3,5 m3/s) e practicamente xa en situación de alerta.
Ante esta situación, a Xunta de Goberno acordou dúas vías de actuación inmediatas:
- Seguimento continuo: Os servizos técnicos municipais farán un vixilancia exhaustiva e continua da evolución do río.
- Reclamación á Xunta de Galiza: O Concello solicitará formalmente e por escrito a Augas de Galiza que traslade os datos oficiais do caudal e que a Consellería valore a necesidade de convocar unha mesa de seguimento ou decretar os estados de prealerta ou alerta. Vilaverde explicou que esta petición faise por escrito tras intentar contactar sen éxito cos novos responsables autonómicos, debido aos recentes cambios nos altos cargos da Xunta.
A pesar dos baixos niveis do río, a tenente de alcalde quixo enviar unha mensaxe de absoluta tranquilidade á cidadanía, subliñando que Pontevedra conta cun sistema de abastecemento de auga "moi robusto”.
Vilaverde destacou dúas garantías fundamentais coas que conta a cidade:
- O encoro do Pontillón do Castro atópase nestes momentos a preto do 90 % da súa capacidade, é dicir, case cheo.
- O abastecemento humano ten prioridade legal sobre o uso industrial. A tenente de alcalde lembrou que, en caso de necesidade extrema, poderíase proceder ao peche da fábrica de ENCE, o cal "dá unha marxe moi grande porque ENCE gasta máis do dobre de auga que a veciñanza toda de Pontevedra”.
Polo de agora, o Concello non adoptará medidas restritivas no consumo nin suspenderá servizos como o baldeo de rúas. O Goberno local manterase á espera da evolución meteorolóxica nos vindeiros días, confiando en que as choivas na zona de Forcarei axuden a recuperar o caudal do río, namentres agarda as instrucións e os datos concretos por parte de Augas de Galiza.