Mocidade Galega pola Memoria reivindica a institucionalización do Día da Galiza Mártir no acto inaugural de A derradeira leición do mestre

Mocidade Galega pola Memoria reivindica a institucionalización do Día da Galiza Mártir no acto inaugural de A derradeira leición do mestre

Pontevedra, 26 de xuño de 2027. A asociación Mocidade Galega pola Memoria participou este xoves na inauguración da exposición que acolle no Museo de Pontevedra a obra A derradeira leición do mestre, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, chegada dende Bos Aires para a súa exhibición pública na Galiza.

Durante o acto institucional, integrantes da entidade despregaron diferentes carteis reivindicativos cos que quixeron chamar a atención sobre o significado histórico e político dunha obra creada no exilio como consecuencia directa do golpe de Estado de 1936 e da posterior ditadura franquista.

A asociación considera que a chegada do cadro constitúe unha oportunidade para reflexionar sobre a represión sufrida por milleiros de galegos e galegas, así como sobre a necesidade de avanzar nas políticas de memoria. Neste sentido, sinala que “non pode existir un recoñecemento sincero da figura de Bóveda e Castelao sen asumir tamén aquilo que os obrigou a morrer fusilados ou lonxe da súa terra”.

Mocidade Galega pola Memoria lembra que A derradeira leición do mestre naceu no exilio arxentino e converteuse nun dos principais símbolos da denuncia da barbarie fascista e da homenaxe ás vítimas da represión, con Alexandre Bóveda como exemplo. Por iso, considera contraditorio que o Partido Popular, que continúa sen realizar unha condena clara do franquismo e que sigue votando en contra de institucionalizar o Día da Galiza Mártir no Parlamento Galego, pretendan apropiarse simbolicamente dunha obra que precisamente denuncia as consecuencias daquela ditadura.

Entre as mensaxes exhibidas durante o acto figuraban reivindicacións como “Non hai respecto sen memoria: institucionalización do Día da Galiza Mártir xa!!”, “Máis ler a Castelao e menos usalo para a foto” ou “Quen asasinou a Bóveda non pode herdar a Castelao”.

A entidade xuvenil insiste en que a memoria histórica non pode limitarse á exhibición de símbolos ou obras artísticas, senón que debe traducirse en compromisos efectivos coa verdade, a xustiza e a reparación das vítimas da represión franquista.

“A verdadeira lección de Castelao segue sendo a defensa da democracia, da dignidade humana e da memoria das persoas que sufriron persecución por defender as súas ideas, os dereitos colectivos e o país”, concluíu o presidente da asociación, Pablo Abelleira Acebedo.

Lores reivindica a Bóveda e Castelao e demanda a institucionalización do Día da Galiza Mártir

Na súa intervención no acto inaugural, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores puxo en valor a importancia política de Bóveda e Castelao, afirmando que "As persoas nacionalistas galegas actuais somos os fillos e as fillas políticas deles; somos as humildes herdeiras do legado do amor e compromiso por Galiza que tanto Castelao como Alexandre Bóveda deixaron", ao tempo que reivindicou que sería moi positivo para o paós que "esta obra, esta lección puidera quedar de xeito definitivo na nosa cidade".

Lores afirmou que o nacionalismo seguirá "pulando para que o recoñecemento oficial do 17 de agosto como Día da Galiza Mártir sexa unha realidade canto antes", a pesar dun PP, que non oculta que son os herdeiros políticos dos asesinos de Bóveda e vota sistematicamente en contra no Parlamento galego.

17 de agosto: Unha data cargada de simbolismo

En decembro de 1941, a Irmandade Galega de Buenos Aires, presidida por Antón Alonso Ríos, instituiu a data do 17 de agosto como Día dos Mártires Galegos, simbolizando na figura de Alexandre Bóveda a todos os homes e mulleres que foron asasinados por facer ondear as bandeiras da liberdade, da xustiza e do progreso da súa Terra. 

Lembraban os exiliados galegos a Alexandre e a todas as vítimas daquel tempo de terror, de pistolas nocturnas, de sangue nas cunetas, de cacería humana. Xentes de toda clase e condición, maiormente a Galiza humilde, a Galiza proletaria masacrada nos cemiterios, nas estradas, nas praias e nas rías.

Ante o silencio do goberno galego, o nacionalismo segue a reivindicar cada 17 de agosto a todos os homes e mulleres que deron a súa vida ou padeceron a represión e o exilio. Para o BNG, a mellor homenaxe que podemos render a Alexandre Bóveda e a todos os homes e mulleres que pensaron, soñaron e deseñaron nos anos 30 unha Galiza libre e próspera, a toda esa xeración de homes e mulleres que escolleron poñer todos os seus coñecementos, todo o seu esforzo e todo o seu amor en construíren un mundo mellor dende Galiza é traballar para que se faga realidade o seu soño. Niso estamos.

Mocidade Galega pola Memoria reivindica a institucionalización do Día da Galiza Mártir no acto inaugural de A derradeira leición do mestre