Pontevedra reforma as axudas de emerxencia social para ampliar coberturas económicas, previr desafiuzamentos e asumir o 100% dos gastos sociosanitarios
Pontevedra, 26 de xuño de 2026. O Concello de Pontevedra vén de actualizar os criterios das súas axudas de emerxencia social, unhas bases que non se modificaban dende o ano 2018. A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, presentou en rolda de prensa os novos baremos e liñas de actuación após informar á comisión de seguimento destas axudas. O obxectivo desta reforma é dar unha mellor resposta ao aumento do custo da cesta da compra e garantir a cobertura de necesidades básicas a máis veciñanza.
Unha das características diferenciais do sistema de benestar pontevedrés, segundo destacou a concelleira, é que mantén o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) como límite de ingresos para acceder ás axudas, fronte ao indicador IPREM que utilizan outras administracións. "Isto permítenos atender a máis necesidades e á xente que, aínda cobrando o salario mínimo, está nunha situación de precariedade", explicou Gulías.
A actualización da ordenanza inclúe as seguintes melloras destacadas:
Prevención de desafiuzamentos e vivenda: O Concello actuará de forma preventiva no pago de débedas por impago de alugueiros, sen necesidade de agardar polo aviso formal de desafiuzamento. No caso de que o desaloxo se execute, as axudas cubrirán os gastos de aloxamento en hoteis polo tempo imprescindible, así como o pago da fianza e o primeiro mes dun novo alugueiro.
Alimentación e produtos de hixiene: Aumentan substancialmente as contías destinadas a alimentos, pasando de 180 a 300 euros para persoas soas, e de 530 a 900 euros para unidades familiares de 7 ou máis membros. Ademais, acláranse os criterios para incluír explicitamente produtos de primeira necesidade como compresas, cueiros, xabóns e champús.
Enerxía e subministracións: A cobertura para o pago de facturas de luz ou gas pasa de tres a seis mensualidades. Tamén se abonarán as cantidades necesarias para restablecer a subministración en caso de cortes.
Comedores escolares: Por primeira vez, as axudas de emerxencia permitirán cubrir o custo dos comedores escolares durante todos os meses que se precisen, incluíndo tamén os períodos vacacionais.
Gastos sociosanitarios e equipamento: O Concello pasará de financiar o 75% ao 100% dos gastos sociosanitarios para quen non teña axudas da Xunta, ou para complementar estas de ser insuficientes. O mesmo incremento, ata chegar ao 100%, aplicarase para a adquisición de equipamento básico do fogar e o acondicionamento sanitario da vivenda (caldeiras, duchas, etc.).
Centros de día e residencias: O Concello asumirá o pago urxente de prazas en residencias de maiores e centros de día para as persoas que estean á espera da resolución de dependencia por parte da Xunta de Galiza.
Gulías destacou a eficiencia do departamento de Benestar Social e das súas traballadoras, que nestes momentos están tramitando as axudas urxentes ou extraordinarias en 72 horas e resolvendo os expedientes ordinarios nun prazo medio dun mes (con 10 días para o informe da traballadora social).
Para rematar, a concelleira adiantou que o sistema de inclusión municipal complementarase con novos acordos con colexios profesionais, que xa están recollidos no texto da ordenanza. En setembro agárdase pechar un convenio de atención bucodental co Colexio de Odontoloxía. Ademais, estase a traballar noutro co Colexio de Psicoloxía para achegar a saúde mental á veciñanza que non pode asumir os prezos do sector privado, e estudarase para o ano que vén un acordo cos optometristas.