O Concello de Pontevedra lanza a campaña "O novo é separar" para mellorar a clasificación dos residuos urbanos

Presentación da campaña "O novo é separar"
Presentación da campaña "O novo é separar"
O Concello de Pontevedra lanza a campaña "O novo é separar" para mellorar a clasificación dos residuos urbanos

Pontevedra, 19 de xuño de 2026. O concelleiro de Servizos Básicos Urbanos, Xaquín Moreda, presentou hoxe a nova campaña informativa que pon en marcha o Concello baixo o lema "O novo é separar". O obxectivo principal desta iniciativa é axudar á cidadanía a distinguir correctamente os distintos tipos de colectores e separar de xeito adecuado os residuos nos seus fogares. Con isto búscase tamén facer fronte á problemática da presenza de impropios, xa que aínda hai xente que deposita o lixo no contedor equivocado.

Para acadalo, a campaña sairá á rúa "ao grande", instalando de forma moi visible os colectores correspondentes ás cinco fraccións: papel/cartón, envases, vidro, biorresiduos e fracción resto. Xunto a eles, habilitarase unha carpa onde se ofrecerá material informativo detallado sobre o proceso de separación e a compostaxe.

Segundo explicou Xaquín Moreda, buscarase unha interacción "proactiva e dinámica" coa veciñanza. Para iso, proporase un xogo a quen se achegue: unha ruleta de cores con preguntas onde as participantes terán que demostrar os seus coñecementos sobre en que colector debe ir cada tipo de residuo. Todas as persoas que participen recibirán un agasallo consistente en merchandising da campaña e material extra de apoio para reforzar a idea da reciclaxe na casa.

Un impulso ao colector marrón

Ademais das accións a pé de rúa, a campaña —desenvolvida en colaboración coa empresa concesionaria do servizo, PreZero— contará cunha vertente paralela e específica nas redes sociais. Esta acción dixital centrarase en fomentar o uso do colector marrón, destinado aos biorresiduos.

O edil lembrou que, do mesmo xeito que no pasado se fixo unha acción para o novo colector gris da fracción resto, agora é necesario resolver as dúbidas existentes sobre o colector marrón. Aínda que a veciñanza xa está familiarizada cos composteiros comunitarios e as outras catro fraccións (amarela, verde, azul e resto), búscase afondar no correcto uso dos colectores de biorresiduos, que se atopan en fase de implantación en diversas rúas da cidade.

Calendario e localizacións

Durante esta primeira fase, a carpa e os colectores visitarán os vindeiros días varias localizacións da cidade, co seguinte horario:

  • Luns 22 de xuño: Praza de Ourense (de 10:00 a 14:00 horas).
  • Martes 23 de xuño: Mercado (de 10:00 a 14:00 horas).
  • Xoves 25 de xuño: Pasarela Adrio (de 17:00 a 21:00 horas).
  • Venres 26 de xuño: Monte Porreiro, Praza de Europa (de 17:00 a 21:00 horas).
  • Luns 29 de xuño: Praza de España (de 17:00 a 21:00 horas).
  • Martes 30 de xuño: Campolongo, Parque da Constitución (de 17:00 a 21:00 horas).

Logo desta primeira quenda, farase unha pausa estival e a campaña retomarase no mes de setembro, xusto despois da celebración da Feira Franca.

Para máis información sobre a xestión do lixo na cidade, o Concello lembra que a cidadanía ten á súa disposición a páxina web residuos.pontevedra.gal.

O Concello de Pontevedra lanza a campaña "O novo é separar" para mellorar a clasificación dos residuos urbanos