O Concello de Pontevedra e o club IN.DE.PO presentan a VI edición do "Campus Laranxa", unha aposta polo deporte inclusivo e accesible
Pontevedra, 19 de xuño de 2026. A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, presentou a sexta edición do "Campus Laranxa", un campamento de verán organizado polo club Integración Deportiva Pontevedra (IN.DE.PO). A iniciativa, dirixida a rapazada de 6 a 16 anos e apta para todos os niveis, comezará o vindeiro día 1 de xullo e desenvolverase en horario de 09:00 a 14:00 horas.
Durante a súa intervención, a concelleira quixo destacar o marcado carácter social da entidade deportiva e a importancia de apoiar este tipo de proxectos: "Para min é unha boa noticia que un club como o INDEPO, que á parte de valores deportivos ten traballado a prol de valores sociais, da inclusión e da equidade, se anime de novo a organizar este campus. Poucos clubs saben hibridar estes valores tan ben como eles", sinalou Gulías.
A concelleira aproveitou a ocasión para agradecer publicamente, en nome do Concello, o grande esforzo e o traballo diario do club durante todo o ano, así como a implicación de todas as persoas e patrocinadores.
Un modelo deportivo baseado na formación e na igualdade de oportunidades
Fiel á súa filosofía como "club formador", o IN.DE.PO deseñou este VI Campus Laranxa cunha política de prezos moi asequibles —menos da metade do habitual noutros campamentos— para garantir que o factor económico non sexa unha barreira e que calquera neno ou nena poida participar e xogar, independentemente dos seus coñecementos previos de fútbol.
As tarifas fixadas son de 60 euros por unha semana, 100 euros pola quincena e 160 euros polo mes completo, aplicándose ademais un desconto do 50% para o segundo irmán. A organización informou de que aínda quedan unhas 20 prazas dispoñibles por cubrir.
Ademais, nunha mostra máis do seu compromiso coa equidade, o club e o Concello de Pontevedra teñen asinado un acordo mediante o cal se ceden cinco prazas totalmente gratuítas para a rapazada usuaria dos servizos de Benestar Social.