Pontevedra consolídase como referente internacional do balonmán coa segunda edición do Torneo Interpontes

Pontevedra consolídase como referente internacional do balonmán coa segunda edición do Torneo Interpontes

Pontevedra, 19 de xuño de 2026. A edil de Deportes, Anabel Gulías, presentou hoxe a segunda edición do torneo internacional de balonmán Interpontes, un evento de primeiro nivel que se celebrará na cidade os vindeiros 13 e 14 de agosto. Este gran evento deportivo consolidarase grazas á iniciativa da Concellería de Deportes e á histórica colaboración e xenerosidade dos dous grandes clubs da cidade, o Teucro e o Cisne, que traballan conxuntamente na súa organización.

Durante a rolda de prensa, Gulías amosouse moi satisfeita de chegar a este punto e subliñou que, para o Concello, o balonmán é unha "referencia deportiva imprescindible". A concelleira lembrou que historicamente este deporte encheu o pavillón con equipos de altísimo nivel e reafirmou o esforzo do goberno local por darlle ao balonmán o lugar que merece na cidade.

A edil quixo agradecer publicamente a xenerosidade do Cisne e do Teucro por saber entenderse e fusionar enfoques para facer realidade este proxecto. "O que si teño présa é porque Pontevedra volva ser unha referencia no balonmán a nivel galego, a nivel estatal e, por suposto a nivel internacional e creo que o estamos conseguindo paso a paso", afirmou Gulías.

Nesta segunda edición, o Torneo Interpontes dará un salto de calidade extraordinario traendo á cidade a equipos de nivel "Champions". O cartel contará coa participación do Veszprém — considerado un dos catro ou cinco mellores equipos do mundo—, o Porto, o Cangas e o equipo local, o Cisne. Esta aposta vai na liña da ambición de futuro da organización: chegar a traer a Pontevedra ao "top 10" dos clubs europeos, como podería ser o Barcelona en vindeiras edicións.

Ademais do espectáculo deportivo de primeiro nivel no Pavillón Municipal, o evento buscará involucrar a toda a cidadanía a través dunha "fanzone" na parte dianteira do recinto. Grazas á colaboración coa Federación Galega de Balonmán, a organización está a traballar para incluír un torneo de balonmán 5x5 pola mañá para os máis pequenos. O obxectivo destas actividades paralelas con rapaces e familias é fomentar a canteira e xerar un gran ambiente arredor do torneo.

As persoas afeccionadas poderán consultar proximamente todos os detalles sobre a competición, a información dos equipos, os prezos e a venda de abonos e entradas a través da páxina web do torneo. Ademais, levarase a cabo unha campaña de difusión en localidades veciñas como Vigo e Cangas para atraer a toda a afección do balonmán galego.

Pontevedra consolídase como referente internacional do balonmán coa segunda edición do Torneo Interpontes