Pontevedra pon en marcha o maior plan de reposición de firmes da súa historia co inicio das obras na rúa Doce de Novembro
Pontevedra, 16 de xuño de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, achegouse esta mañá á rúa Doce de Novembro para supervisar o inicio dos traballos de asfaltado enmarcados no gran contrato de reposición de firmes no ámbito urbano, no rural e tamén nos polígonos industriais. Durante a visita para informar do comezo das obras, o rexedor estivo acompañado polos concelleiros Xaquín Moreda, responsable de Servizos Urbanos Básicos, e Raimundo González, responsable de Economía e Facenda; así como por técnicos municipais e responsables da empresa E.C. Casas, adxudicataria dos lotes correspondentes aos ámbitos urbano e periurbano.
Fernández Lores destacou que "empezamos o proxecto máis ambicioso de rehabilitación de firmes de todo o concello de Pontevedra". O plan, que supón o maior investimento en seguridade e mantemento da rede viaria xamais realizado no municipio, conta cun orzamento de adxudicación de máis de 4,4 millóns de euros. Permitirá actuar sobre 40 quilómetros lineais, o que supón unha superficie superior aos 191.000 metros cadrados, equivalentes "a uns 28 campos de fútbol", dixo o alcalde.
Ademais da mellora estrita da capa de rodadura, o rexedor subliñou que os traballos non se limitarán a botar aglomerado, senón que incluirán "medidas de calmado de tráfico e de seguridade en todos os viais nos que actuamos", ademais da renovación da sinalización horizontal e vertical.
A actuación arrancou hoxe coa fresaxe da rúa Doce de Novembro, entre Eduardo Pondal e a rúa das Hortas, e continuará de forma sucesiva por vías como José Malvar e a contorna da ponte dos Tirantes. Antes da semana grande das festas da Peregrina, traballarase noutras rúas da cidade como as avenidas de Bos Aires, Uruguai e Corvaceiras, Cobián Roffignac, e praza de Galicia. Á volta das festas continuarase con outras vías como Alameda, avenida de Vigo, San Pedro Alcántara, Monteleón, Pedro Mariño de Lobeira, Celestino Poza, Uxío Novoneira, grande parte das rúas do barrio da Parda, Monte Porreiro, Estribela ou o Burgo.
De forma paralela, o macrocontrato despregarase no rural e nos polígonos industriais, cuxa execución foi adxudicada á empresa COVSA. O vindeiro 25 de xuño as máquinas comezarán a traballar nas parroquias de Campañó e Salcedo. Neste mesmo mes tamén se iniciarán as obras nos parques empresariais do Campiño e O Vao, espazos nos que se vai renovar o 100% da superficie rodada.
Para minimizar o impacto no día a día da cidadanía, as tarefas coordínanse diariamente coa Policía Local, regulando os peches e as afeccións á mobilidade. O prazo global estimado para completar todas as actuacións é de catro meses e medio, sempre condicionado á evolución meteorolóxica, xa que o asfaltado en quente require de condicións sen choiva nin baixas temperaturas.