Adxudicada a redacción do proxecto para a recuperación e restauración ecolóxica do Gafos
Pontevedra, 29 de agosto de 2024. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, informou que a Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do contrato de asistencia técnica para a redacción do anteproxecto e proxecto de execución da acción B1 do proxecto Rede Verde. Recuperación e restauración ecolóxica do tramo urbano soterrado do río Gafos e o seu entorno.
“Deuse un paso adiante de vital importancia, pois queda adxudicada a redacción do proxecto definitivo para a renaturalización do río Gafos ao seu paso por Campolongo”, explicou. “Hai xa tempo que tomamos a decisión de levar a cabo este proxecto, de facer esta obra e para iso temos que ter un proxecto. Será redactado pola empresa Calco por 85.000 euros e un prazo de cinco meses unha vez se presente toda a documentación necesaria”.
O custe total do proxecto, é dicir, da obra de recuperación e restauración ecolóxica deste tramo urbano do Gafos, ascende a 2.249.719 euros e conta co apoio da Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado por la Unión Europea - NextGenerationEU, de preto de 1.766.000 euros, restando unha aportación municipal, aproximada, de medio millón de euros.