O BNG denuncia que a Xunta eliminará unha unidade de infantil e recortará dúas docentes no CEIP San Clemente de Caldas
Caldas, 30 de agosto de 2024. O Tenente de Alcalde de Caldas de Reis Manuel Fariña denunciou a eliminación dunha unidade de Educación Infantil e dous docentes do CEIP San Clemente por parte da Xunta de Galiza. O nacionalista subliña que a redución de número de alumnos e alumnas que achaca a Consellería de Educación debería ser unha oportunidade de baixar as ratios de escolares por aula e mellorar a calidade do ensino público na vila. “Sen embargo o PP non atende unha vez máis ás circunstancias e aproveita para facer recortes”, sostén o nacionalista.
Segundo apunta Fariña, este curso que vén no CEIP San Clemente haberá un agrupamento do alumnado de tres e catro anos, cuxas aulas perderon matrículas con respecto ao ano pasado. Isto supón na práctica tamén o recurte de alomenos dous mestres e mestras e, por tanto, “menos atención especializada”. Unha circunstancia especialmente grave se temos en conta que non lles foi comunicada ás familias do alumnado, e da que se enteraron ao ver este recorte publicado no Boletín Oficial en pleno mes de agosto.
O nacionalista destaca que “a calidade educativa vaise ver necesariamente resentida” e que en lugar de caer na autocomplacencia é preciso reivindicar o mantemento dos servizos “especialmente no rural como é o caso de San Clemente”. “Non todo poden ser recortes e axustes. Así non se avanza na mellora do ensino para a rapazada nin tampouco nas melloras e reclamacións do profesorado”, subliña o Tenente de Alcalde caldense.
Insiste Fariña en que “é normal que pais e nais estean preocupados porque mentres a Xunta anuncia a bombo e platillo que traballan para reducir as ratios na Educación Infantil, en San Clemente están a aumentala eliminando aulas, mestres e recursos coa lóxica afectación á calidade do ensino dos seus fillos e fillas. Non se pode aceptar que dende a Xunta vexan ao alumando como se fosen simples números, que enchan unha clase ata o máximo permitido por lei e xa está. Iso calquera persoa ve que non é o recomendable. É evidente que é máis efectivo e se presta una mellor atención nunha aula con menos alumnos e alumnas que nunha aula, sobre todo cando se dan casos con necesidades específicas", subliña.