Soutomaior deseña un mapa para promocionar o seu comercio local
Soutomaior, 30 de agosto de 2024. O Goberno de Soutomaior vén de presentar un mapa con todos os establecementos do comercio local. O mapa, que estará dispoñible en formato físico na Oficina de Turismo municipal e en formato dixital na páxina web do concello, ten por obxectivo que as persoas que visiten Soutomaior coñezan as diferentes opcións para consumir en establecementos locais e que iso repercuta positivamente nos negocios.
Cada día pola Oficina de Turismo municipal pasan decenas e mesmo centos de persoas. Xusto este martes, 27 de agosto, a oficina tivo o record de persoas atendidas nunha xornada, 484 visitantes. Neste sentido, o Goberno de Soutomaior traballa con medidas como a elaboración deste mapa dos establecementos do comercio local para sacar o máximo proveito posible ao volume de visitantes que chegan ao concello.
Outra das medidas desenvoltas polo Goberno de Soutomaior para fomentar o comercio local é a ampliación dun dos principais aparcadoiros da Avenida Xosé Solla, en pleno núcleo comercial de Arcade, que comezou a pasada semana, e coa que o Goberno de Soutomaior ten previsto triplicar o número de prazas que actualmente ofrecía ese aparcadoiro. Con esta ampliación, Soutomaior contará con 100 prazas de aparcadoiro gratuíto en todo o núcleo comercial que prestan servizo directo aos negocios.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “estas medidas encádranse na estratexia do Goberno de Soutomaior para promocionar o noso comercio local e deixar de ser unha vila dormitorio. Soutomaior ten moito que ofrecer, tanto para os seus veciños e veciñas como para as persoas que nos visitan e aquelas que están buscando un lugar onde instalarse e iniciar un proxecto de vida”.
Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo agradeceu “o esforzo que día a día fan os nosos comerciantes para que Soutomaior sexa un concello vivo e siga avanzando”. “Hoxe Soutomaior conta con máis xente traballando en mantementos e limpezas ca nunca; mellorou as contas municipais e o aforro; vai mobilizar no primeiro orzamento deste goberno máis de 1 millóns de euros en obras e proxectos; e ten unha axenda cultural e de eventos que é referencia en toda a contorna”.