O XI Torneo Internacional Vila de Caldas reunirá en Semana Santa a grandes promesas do fútbol base internacional

Manu Fariña
Manu Fariña
O XI Torneo Internacional Vila de Caldas reunirá en Semana Santa a grandes promesas do fútbol base internacional

Caldas, 16 de abril de 2025. Caldas de Reis converterase, un ano máis, na capital do fútbol base durante a Semana Santa coa celebración do XI Torneo Internacional Vila de Caldas, unha das citas máis destacadas do calendario deportivo galego nesta época do ano. O torneo desenvolverase os días 17, 18 e 19 de abril no Estadio Municipal As Corticeiras, e reunirá a equipos de categorías Benxamín Sub-10 e Alevín Sub-12, procedentes de diferentes puntos da xeografía galega e estatal.

O evento está organizado polo Caldas C.F., en colaboración co Concello de Caldas de Reis, a Deputación de Pontevedra, a Federación Galega de Fútbol e conta co patrocinio de empresas como CLESA e FORESA, entre outras empresas, consolidando unha rede de apoios institucionais e privados que fan posible a celebración dunha cita deportiva que non para de medrar edición tras edición.

Un evento que vai máis alá do deporte

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Manuel Fariña, quixo subliñar o que supón para Caldas acoller un torneo destas características:

“Falamos dunha competición que mobiliza a máis de 700 nenos e nenas, adestradores, familias e equipos técnicos, que durante tres días conviven na nosa vila, participan, coñécennos e volven. Este torneo é unha mostra do que podemos conseguir cando se traballa con ilusión, profesionalidade e visión estratéxica. Para un concello como Caldas, de dimensión media, ser sede dun torneo internacional é un motivo de orgullo e unha ferramenta de proxección extraordinaria.”

Manuel Fariña destaca o labor exemplar do Caldas C.F. na organización dun evento que proxecta Caldas de Reis a nivel deportivo, turístico e social, consolidando á vila como un referente no deporte base internacional

“Este evento non só dinamiza o noso tecido deportivo, senón tamén o económico e o turístico. Os hoteis, restaurantes, comercios e servizos da vila benefícianse directamente desta actividade, e iso tamén é apostar polo deporte como motor de desenvolvemento local”, engadiu Fariña.

O XI Torneo Internacional Vila de Caldas reunirá en Semana Santa a grandes promesas do fútbol base internacional