O BNG lamenta que Moldes “lamine” os avances na loita contra a violencia de xénero conseguidos en Poio nos mandatos anteriores

O BNG lamenta que Moldes “lamine” os avances na loita contra a violencia de xénero conseguidos en Poio nos mandatos anteriores

O BNG de Poio vén de lamentar que o alcalde Ángel Moldes “lamine” os avances na loita contra a violencia de xénero conseguidos en Poio nos mandatos anteriores da man do Bloque. A voceira nacionalista Marga Caldas advirte de que o feito de que a Policía Local deixe de facer seguimento de vítimas de violencia de xénero por falta de efectivos supón un claro “retroceso” e unha demostración da “incompetencia” do goberno local para xestionar e garantir a prestación dos servizos que lle corresponden. 

Marga Caldas lembra que en 2022 o Concello de Poio conseguiu ser un dos 16 concellos máis punteiros da provincia, xa que entón o alcalde Luciano Sobral subscribiu un convenio co Ministerio de Interior para acceder ao Sistema Integral en casos de Violencia de Xénero (Vioxén). En base a este acordo os efectivos da Policía Local de Poio, xunto cos demais corpos de seguridade, estudaban de maneira coordinada e repartían os casos de violencia para sumar máis efectivos e recursos á protección das vítimas. 

“No noso último mandato decidimos dar un paso máis na loita contra a violencia machista, un tema prioritario. A adhesión ao Vioxén supoñía afianzar a axuda ás mulleres cun sistema máis áxil de protección colaborando estreitamente con outros corpos. Agora, pola vía dos feitos, ese convenio parece que se vai romper porque a Policía Local non pode asumir a súa parte, e a Garda Civil ten que facerse cargo do seguimento de varias mulleres en risco”, advirte a nacionalista. 

Caldas destaca que a reunión de onte entre o Concello e a Subdelegación de Goberno non fixo máis que evidenciar unha situación precaria. Por iso, a voceira do Bloque fai un chamamento urxente a Moldes para que asuma a súa responsabilidade e poña solución á falta de servizos e atención á veciñanza de Poio. “Este Concello está xa entrando en fase de deriva, descoidando áreas e asuntos tan fundamentais e sensibles como a atención na violencia de xénero”, alerta . 

Caldas advirte, ademais, de que se o Concello non cumpre os compromisos asinados no convenio Vioxén -e rompe con el- sufrirá “aínda máis consecuencias que deixar menos atendidas as vítimas, co grave que iso xa é de por si: se quedamos sen convenio tamén se vai perder o financiamento gañado para a protección de mulleres, os recursos persoais e materiais para traballar en materia de prevención e acompañamento”, alerta a voceira.

“A incompetencia do Partido Popular quedou ben clara. Moldes ten que asumir as responsabilidades dos seus problemas e deixar de botar balóns fóra. A veciñanza de Poio ten cada vez menos servizos. Que o alcalde solucione os seus problemas internos e garanta a seguridade e a tranquilidade que merece a veciñanza”, finaliza a concelleira.

O BNG lamenta que Moldes “lamine” os avances na loita contra a violencia de xénero conseguidos en Poio nos mandatos anteriores