Os obradoiros de Igualdade que se imparten nos centros educativos, baixo supervisión do CIM, esténdense, por vez primeira, a profesorado e familias

Promovidos pola Concellería de Igualdade, están impartidos polas expertas en xénero Priscila Retamozo e Cristina Louzán (Prisma). A iniciativa conta co apoio do Pacto de estado contra a Violencia de xénero. As actividades desenvolveranse, igual que nas pensadas para o alumnado, desde este mes de abril ata finais de xuño.
“Construír unha sociedade máis xusta, equitativa e diversa; rexeitar estereotipos de xénero, promover actitudes e comportamentos igualitarios e combater o machismo é tarefa de todas e todos” lembra Anabel Gulías quen non dubida de que “a co-educación é un piar fundamental para recoñecer e valorar as potencialidades de todas as persoas e aprender a cuestionar e reflexionar sobre modelos sociais que avalan e promoven a discriminación e a desigualdade”. Neste marco, engade a concelleira de Igualdade, “a mocidade, máis tamén as nais, pais e titores e o profesorado precisan ferramentas para traballar na educación afectiva-sexual e a prevención da violencia machista”.
Anabel Gulías: “As nais, pais e titores e o profesorado precisan ferramentas para traballar na educación afectiva-sexual e a prevención da violencia machista”.
O obradoiro dirixido ao profesorado leva por título Co-educar na era dixital. Artéllase en tres xornadas, de tres horas de duración, nas que os/as asistentes traballarán, entre outros temas: os discursos que sustentan a desigualdade, o acceso e consumo de pornografía a idades temperás a través das redes sociais, fenómenos tipo Onlyfans; o desmonte de mitos e tabús creados ao redor das relacións afectivas e sexuais ou estratexias para ensinar unha sexualidade sa e tamén para acompañar á adolescencia.
Desafíos na co-educación: Recursos prácticos para acompañar á xeración porno-nativa é a proposta de Igualdade pensada para as nais, pais e titores de nenos, nenas e adolescentes. O obradoiro desenvólvese en dúas xornadas, de dúas horas de duración e ten como un dos seus eixos fundamentais a análise crítica do impacto da pornografía nas novas xeracións. Un estudo de Ballester e Ortz sitúa a idade media do primeiro contacto coa pornografía nos 9 anos; aos 13 anos, o 25% dos adolescentes consumiu porno, unha porcentaxe que chega ao 75% aos 16 anos.
Aprender a distinguir sexo e violencia sexual, a importancia da reciprocidade e consentimento para manter relacións sexo-afectivas igualitarias, a necesidade de rebater discursos negacionistas das violencias machistas e dotar de recursos ás familias para acompañar ás e aos adolescentes no seu camiño cara a adultez serán algunhas das cuestións traballadas no obradoiro.