A Festa da Primavera de Caldas concentrará toda a súa actividade no recinto da Tafona e no paseo peonil para non afectar ao tráfico

Caldas presentación festa da primavera
Caldas presentación festa da primavera
A Festa da Primavera de Caldas concentrará toda a súa actividade no recinto da Tafona e no paseo peonil para non afectar ao tráfico

Caldas, 8 de abril de 2025. Festa rachada coa máxima seguridade e a mínima afección ao tráfico. Así será a Festa da Primavera deste ano en Caldas, segundo anunciou o tenente de alcalde, Manuel Fariña. O concelleiro nacionalista confirmou que todas as actividades do evento entre este venres 11 e o luns 14, os concertos de DJ, de Panorama e doutras agrupacións, concentrarase no recinto habilitado na explanada da Tafona e no paseo peonil do río, un espazo que estará controlado por un Plan de Autoprotección que garantirá que todo terá lugar “coa máxima seguridade e sen riscos”.

Fariña explicou que o Concello tomou a decisión de redeseñar o espazo que ocupará a festa coa intención de que teña a mínima afección para a veciñanza e os negocios da Tafona. Desta maneira, habilitarase como o ano pasado un espazo pechado e no seu interior instalaranse os escenarios, as barras de bebidas e as atraccións. A disposición interior, en calquera caso, será distinta tanto para evitar molestias ás vivendas próximas como pola dimensión da escenografía.

Os baños públicos que en edicións previas ocupaban a rúa Carlos García Baión tamén se colocarán no interior do espazo pechado. Isto posibilitará que non se teña que cortar ao tráfico nesta vía, tal e como era necesario anteriormente. Outra das novidades será que haberá un único acceso  peonil de entrada para o público dende o paseo fluvial. O tenente de alcalde explica que se prohibirá o estacionamento na zona a partir do xoves, habilitando lugares para deixar vehículos na rúa Juan Fuentes Echevarría por parte da Asociación Amigos das Festas.  

Por outra parte, e dado que a Festa da Primavera vai supoñer un alude de público para Caldas de Reis, de milleiros de persoas tanto propia da vila como chegadas doutras localidades, Fariña puxo en valor que o Concello volve contar cun Plan de Autoprotección para garantir que todo se celebra con seguridade. A empresa ‘Evenit’, de inspección técnica de eventos, foi a encargada de elaborar o documento que avalía os posibles riscos e as medidas de seguridade ante posibles emerxencias, e a que realizará as supervisar ‘in situ’ de todos os aspectos físicos da celebración, tales como a situación e montaxe de casetas, barracas, chiringuitos e atracións de feira.

Con todos os aspectos de loxística e de seguridade xa controlados, Fariña agarda que a Festa da Primavera sexa todo un éxito de público. O nacionalista destaca o esforzo do Concello por que Caldas sexa un referente das verbenas no país “xa que a xente sabe que nós programamos un cartel con moito tirón”, que este ano ten a Panorama como cabeza de cartel o sábado 12.

Fariña subliña tamén o traballo e a negociación para que nesta edición as atraccións volveran á festa despois do enfrontamento do ano pasado cos feirantes que se negaban a cumprir as condicións de seguridade que este ano si asumen. 

A Festa da Primavera de Caldas comezará este vindeiro venres 11 de abril (22.30h) coas sesións dos DJ de máis tirón na noite galega, tamén con figuras de renome no ámbito internacional: actuarán Taydleón, Dumore, Groove Amigos, Carlos López, Pitty e Marcos Gramola.

A Festa da Primavera de Caldas concentrará toda a súa actividade no recinto da Tafona e no paseo peonil para non afectar ao tráfico