O BNG de Valga visita Serrerías Rodríguez e a adega Castellum Augusti para coñecer de primeira man o seu traballo

VISITA Á BODEGA CASTELLUM AUGUSTI
VISITA Á BODEGA CASTELLUM AUGUSTI
O BNG de Valga visita Serrerías Rodríguez e a adega Castellum Augusti para coñecer de primeira man o seu traballo

Valga, 24 de xullo de 2026. Os concelleiros Fran Devesa e Miguel Lois acompañaron á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e ao deputado Luís Bará, nunha visita a dous proxectos empresariais referentes en Valga: a empresa Serrerías Rodríguez e a adega artesanal Castellum Augusti. O obxectivo do encontro foi coñecer de primeira man o seu traballo diario e poñer en valor a súa actividade.

SERRERÍAS RODRÍGUEZ
SERRERÍAS RODRÍGUEZ

En Serrerías Rodríguez, unha das empresas máis importantes do concello, a delegación do BNG puido comprobar o labor que desenvolven día a día. Trátase dunha empresa familiar situada no Pino, dedicada desde 1958 á primeira transformación da madeira de piñeiro e cun peso fundamental na creación de emprego local e comarcal. Trátase dunha empresa que aposta decididamente pola innovación, a certificación forestal e a xestión responsable da materia prima, representando á perfección a relevancia de contar cun sector industrial forte, profundamente arraigado no territorio e con capacidade para xerar emprego.

Durante a visita abordouse a necesidade urxente de avanzar cara a un monte ordenado, diverso e multifuncional, capaz de frear o monocultivo do eucalipto, garantir madeira de piñeiro de calidade e asegurar o futuro dos serradoiros tradicionais. Así mesmo, defendeuse que un monte sostible é a mellor garantía de protección para o territorio e de prevención fronte aos incendios, ademais de asegurar a actividade económica e o emprego para as vindeiras xeracións. Nese sentido, subliñouse que o obxectivo non debe ser unicamente cortar e exportar madeira, senón transformala aquí aproveitando a importante industria existente en Valga e na contorna, especializada na fabricación e desenvolvemento de maquinaria para o sector. Con isto conseguirase xerar máis valor engadido, fortalecer o tecido industrial e garantir que a riqueza creada permaneza no País.

Posteriormente, os membros do BNG foron recibidos na Bodega Castellum Augusti, situada no Forno (Cordeiro), onde Manuel Bandín e Lucía Castro amosaron o minucioso traballo artesanal que hai detrás dos seus magníficos viños. Elaborados ao 100 % con uva albariña procedente de viñedos propios, os seus viños comercialízanse baixo as etiquetas Castellum Augusti, Pepe Cabanas e O' Elixir de Lucía, todos eles amparados pola Indicación Xeográfica Protexida Viño da Terra de Barbanza e Iria. Trátase dun proxecto familiar e artesanal que conxuga tradición, calidade e a promoción de Valga a través da produción vitivinícola e do enoturismo.

Unha das empresas máis importantes de Valga e unha adega artesanal familiar foron os lugares visitados co obxectivo de poñer en valor o tecido produtivo local; dous modelos diferentes, mais que son claros exemplos de excelencia nos seus respectivos sectores

Desde o BNG de Valga agradécese a Serrerías Rodríguez e á Bodega Castellum Augusti que abrisen as súas portas para compartir o seu traballo, os seus proxectos e tamén as súas preocupacións. Empresas como estas e, de xeito moi especial, o sector do aluminio e do metal fan da industria o gran motor económico de Valga, sostendo milleiros de postos de traballo directos e indirectos no concello.

Sen embargo, durante os últimos trinta e cinco anos, o actual goberno municipal non foi capaz de aproveitar esta fortaleza para fixar poboación e dinamizar a vida no concello. Valga necesita cunha planificación axeitada de solo industrial e unha estratexia integral que acompañe a creación de emprego con vivenda accesible, bos servizos públicos, mellores comunicacións e novas oportunidades para a veciñanza.

Por todo isto, o BNG de Valga aposta decididamente por un modelo que apoie ás empresas vinculadas ao territorio, que producen e crean riqueza localmente, e por un esquema económico que xere emprego estable, digno e de calidade. Un modelo que respecte os dereitos laborais, coide ás persoas traballadoras e aposte pola transformación respectuosa dos recursos propios para conseguir que o valor engadido e a riqueza xerados queden e se repartan en Valga.

O BNG de Valga visita Serrerías Rodríguez e a adega Castellum Augusti para coñecer de primeira man o seu traballo