A bandeira xitana da Casa da Luz amosa o orgullo dun pobo e reivindica respecto á diversidade, equidade social e igualdade

Pontevedra sumouse á celebración do Día Internacional do Pobo Xitano, unha efeméride para visibilizar a unha comunidade con identidade propia, combater os prexuízos e estereotipos que lastran a súa inclusión e progreso social e para amosar e reivindicar o respecto á diversidade e a igualdade.
Pontevedra, 8 de abril de 2025. Coa concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, á fronte dunha ampla delegación da Corporación municipal da man da Fundación Secretariado Xitano (FSX) despregouse no balcón da Casa da Luz a bandeira xitana: azul e verde, as cores do ceo e do campo, e coa roda de carro vermella, símbolo da tradición itinerante do seu pobo.
De seguido, e acompañados dun grupo de membros da comunidade xitana, leuse publicamente o manifesto do 8 de abril, ao que lle puxo voz Diana Flórez, Sara Díaz e Rebeca Flórez, toda unha declaración de orgullo e reivindicación e aposta pola equidade social e a igualdade, que deu paso a un estoupido festivo de cante e baile na praza da Verdura.
Malia cumprirse 600 anos desde a presenza documentada de xitanos na Península Ibérica e que “somos parte esencial do crisol cultural que conforma a sociedade”, persiste “un profundo descoñecemento do pobo xitano, da súa diversidade, a súa identidade, a historia e cultura que comparten, o que está na base do rexeitamento e a discriminación anti-xitana”, sinalaba o manifesto, para engadir que “o coñecemento que se ten do pobo xitano segue baseado en xeneralizacións, prexuízos ou estereotipos negativos” subliñan no seu manifesto.
Após de recoñecer os avances en igualdade e mellora das súas condicións de vida, a FSG pon o foco en que “son moitos aínda os retos pendentes: os xitanos e as xitanas son máis pobres, teñen un nivel educativo moi inferior á media que condiciona o seu futuro, levan o peso dunha imaxe social negativa e sofren máis discriminación, especialmente as mulleres, e están sistematicamente fóra da esfera pública e os espazos de poder”.
Avogan por políticas públicas para loitar contra a pobreza e desigualdade estrutural e respostas institucionais e xurídicas firmes contra a discriminación e o discurso de odio. Nesta aposta atopan no Concello de Pontevedra un aliado.
Precisamente este ano cúmprense 20 anos desde que a Concellería de Benestar Social puxo en marcha o Programa municipal de seguimento escolar e compensación educativa externa para a comunidade xitana, unha iniciativa pioneira en Galiza, que naceu co dobre obxectivo de reducir o absentismo escolar e mellorar o éxito académico do alumnado xitano. As chamadas “aulas de reforzo educativo” seguen a ser unha realidade. Desde o seu comezo pasaron por elas máis de 500 nenos e nenas.
Ademais, compleméntanse con Obradoiros de ocio interculturais, nos que se desenvolven dinámicas e xogos con contidos transversais: educación medioambiental, hábitos saudables, valores... e realizan visitas culturais, festas ou celebran datas sinaladas como o 8 de abril.
Por outra banda, desde o 2014 o Concello de Pontevedra colabora tamén co Programa Promociona, que fóra posto en marcha seis anos antes, de xeito pioneiro en Galiza, pola FSX co fin de que cada vez máis mozas e mozos xitanos completen a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e continúen estudando e formándose, o que incrementará as súas posibilidades de promoción social e emprego.