Soutomaior investirá 170.000 euros para a reurbanización, mellora e humanización do Val-Sobral

PLANOS PROXECTO VAL-SOBRAL
PLANOS PROXECTO VAL-SOBRAL
Soutomaior investirá 170.000 euros para a reurbanización, mellora e humanización do Val-Sobral

Soutomaior, 21 de marzo de 2025. O Goberno de Soutomaior ten xa sobre a mesa o proxecto para a reurbanización, mellora e humanización do Val-Sobral. O proxecto, redactado por Infourban, contempla o asfaltado e adecuación dun tramo de estrada de case 800 metros, que van desde a zona da Chan, no Sobral, ata a Chan de Moreira, no acceso ao barrio de Lourido. Ademais deste arranxo e asfaltado, o proxecto tamén contempla o acondicionamento de tres núcleos ao longo do tramo da actuación.

Trátase de tres zonas que actualmente funcionan como punto de encontro para a veciñanza do barrio e nas que o Goberno de Soutomaior actuará para a súa conversión en pequenas prazas. Así, converteranse en espazos máis amables e humanizados para a veciñanza, con tráfico calmado e integradas co ámbito arquitectónico de cada unha das zonas. 

Para levar a cabo esta actuación, o Goberno de Soutomaior investirá preto de 160.000 euros. O Concello abrirá o prazo de licitación nas vindeiras semanas e o prazo de execución recollido no proxecto é de tres meses, polo que antes de que remate 2025 a veciñanza do Val-Sobral poderá desfrutar da renovación de todo o núcleo do seu barrio.

Trátase dun importante investimento que o Goberno de Soutomaior levará a cabo na parroquia de Soutomaior, e que se suma aos xa realizados desde o comezo do mandato e aos previstos para os vindeiros meses. Así, o Goberno de Soutomaior levou a cabo a pasada semana a recepción da obra para a transformación da Carreira dos Bolos da Pedreira, na que levou a cabo un investimento próximo aos 200.000 euros. O Goberno local tamén presentou o proxecto para a creación doutro núcleo de centralidade na contorna da Casa do Concello e avanzará nas vindeiras semanas co seu plan de asfaltados en Romariz, Lourido, Moreira e outros barrios da parroquia.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “con esta actuación daremos solución ás deficiencias que presenta desde hai anos o Val-Sobral, como pode ser o mal estado xeneralizado da estrada principal e as dificultades de acceso en varios puntos do barrio. Ademais, coa creación das tres pequenas prazas, daremos á veciñanza do Val-Sobral espazos agradables e humanizados nos que poder desenvolver as súas vidas”. 

O alcalde sinalou que “un dos obxectivos estratéxicos do Goberno de Soutomaior desde o comezo do mandato é levar a cabo a transformación rural e urbana do noso concello para mellorar a vida da veciñanza. Hoxe en Soutomaior fanse máis obras e investimentos ca nunca grazas a esa planificación estratéxica e a unha xestión económica referendada polos informes de intervención e secretaría, que nos vai permitir destinar máis de 3 millóns de euros en 2025 a investimentos en obras e proxectos”, concluíu Manu Lourenzo.

Soutomaior investirá 170.000 euros para a reurbanización, mellora e humanización do Val-Sobral