Rematada a mellora ambiental e urbana do parque de Fonte Santa

Pontevedra, 24 de marzo de 2025. A Concellaría de Servizos urbanos básicos, que dirixe Xaquín Moreda vén de completar a mellora urbana e ambiental no barrio de Fonte Santa, en Mollavao, coa incorporación dun novo valado e travesas de plástico reciclado no perímetro de todo o parque. Trátase dunha nova aposta da concellaría por testar novos materiais sostibles, duradeiros e acordes coa contorna.
O parque de Fonte Santa tiña serios problemas de mantemento coas pezas de madeira do valado e das travesas, xa que se degradaban con moita rapidez. Logo de estudar distintas opcións, a Concellaría acordou a instalación dunha estrutura de plástico procedente de materiais reciclados, en cor marrón simulando madeira, para intentar paliar os problemas que o valado viña dando case dende a creación do parque, alá no ano 2008.
A intervención que rematou esta semana tivo un custe de 21.178 euros e consistiu no desmonte e retirada da varanda de madeira existente, montaxe da nova, retirada das travesas de madeira para a contención do camiño de xabre e instalación das novas travesas de plástico reciclado. Tamén se aproveitou para arranxar o pavimento de xabre granítico.
Con esta actuación, a Concellaría que xestiona Xaquín Moreda completa a campaña de mellora ambiental e urbana de Fonte Santa que se foi realizando por fases. Xa se realizaran traballos de roza da parcela, mellora da xardinería, limpeza de bancos, poda de árbores, supervisión e reparación do alumeado, limpeza do lavadoiro e a reparación do parque infantil.