Barro dá luz verde ao proxecto de Mafari para construír un tostadeiro de café no polígono de Outeda

Barro, 24 de marzo de 2025. O concello de Barro vén de aprobar a solicitude de licenza da empresa Mafari, para construír en Barro, no polígono de Outeda, unhas instalacións destinadas á torrefacción de café, ademais de albergar o seu punto central loxístico.
O alcalde de Barro, Fernández Abraldes, mostrou a súa satisfacción “por ver como pouco a pouco se vai completando o polígono de Outeda e como grandes empresas seguen apostando por Barro para instalarse”, e indicou que tamén se está cumprindo uns dos seus principais obxectivos para este polígono, que era o de “facer que o polígono de Outeda se consolidase como unha referencia para as empresas do sector da alimentación e do sector servizos, combinando así a necesaria actividade industrial co benestar da veciñanza que vive no entorno”.
Con esta nova incorporación, o polígono de Outeda vén de sumar outra gran empresa como é Mafari a un elenco de empresas referenciais nos seus sectores, como son Froiz, Estrella Galicia, Artesa, Transfrío ou Frutas Moncho, entre outras moitas.
Mafari construirá as súas instalacións en dúas parcelas, a A22 e a A23, que xuntas suman ao redor de 10.000 metros cadrados. A superficie que ocupará o complexo industrial sobre as parcelas será de 4.300 metros e a superficie total das instalacións será de máis de 6.000 metros. O orzamento total de execución das obras, antes de IVE, ascende a 3.700.000 euros.